SanidadeÚltima hora

As persoas chegadas a Galicia de zonas con alta incidencia de Covid deberán aportar datos de contacto

Sanidade publicará quincenalmente a listaxe de territorios considerados de alta incidencia, que poderán ser tanto países estranxeiros coma outras comunidades autónomas

 

Todas as persoas que cheguen a Galicia procedentes de territorios con alta incidencia epidemiolóxica por Covid-19 deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na comunidade ou non. Así o anunciaba ao termo do Consello da Xunta deste xoves o presidente do goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo.

En concreto, esta nova medida terá carácter obrigatorio para todas as persoas que proveñan ou estiveran nos últimos 14 días en zonas con alta incidencia epidemiolóxica e terá carácter voluntario para as que proveñan dun lugar sen incidencia epidemiolóxica complexa. Ademais, Feijóo precisou que, dependendo do lugar de onde veña a persoa, poderíaselle facer a PCR sen síntomas.

Para proporcionar esta información, poderase cubrir un formulario que estará dispoñible na web do Sergas habilitada como consecuencia do virus (coronavirus.sergas.gal) ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. Desde a súa chegada a Galicia, as persoas terán 24 horas para comunicar os seus datos de contacto.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade publicará quincenalmente a listaxe de territorios considerados de alta incidencia, que poderán ser tanto países estranxeiros coma outras comunidades autónomas.

Así mesmo, facilitarase a todos os viaxeiros un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía: a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia; ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias. No caso de persoas vulnerables, con problemas respiratorios ou con calquera sintomatoloxía, procederase a facer unha PCR.

O sector turístico, obrigado a informar da medida aos seus clientes

Tal e como informa a Xunta, os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida os seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo, marítimo ou terrestre. Deberán facelo tamén as empresas que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.

O presidente da Xunta en funcións explicou que o obxectivo é conseguir un diagnóstico precoz para protexer tanto aos galegos como ás persoas que nos visiten.

A medida será efectiva desde a publicación pola Consellería de Sanidade da Orde que regula esta comunicación, que terá lugar a semana que vén, e do listaxe de territorios considerados de maior incidencia epidemiolóxica.

Máximo de ata 25 persoas nas reunións privadas de persoas non convivintes

Así mesmo, o presidente da Xunta en funcións informou da aprobación dunha nova recomendación: limitar o número de asistentes ata un máximo de 25 persoas nas reunións privadas de persoas non convivintes. “Non obrigamos pero si recomendamos que nas casas extremen as precaucións e que as reunións non superen, en ningún caso, as 25 persoas”, solicitou Feijóo.

“Trátase dunha recomendación xustificada pola alta frecuencia de brotes xerados en celebracións e encontros en espazos privados nas semanas transcorridas desde a finalización do estado de alarma”, segundo a Xunta.

As modificacións introducidas terán efectos desde o día seguinte á data de publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button