O Concello de Ourense e a Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU) veñen de asinar hoxe, 2 de agosto, un acordo marco para a formación específica ante situacións de emerxencia a través do Servizo municipal de Extinción de Incendios e de Salvamento ou calquera outra situación na que se faga precisa a intervención dos Bombeiros. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou que o acordo ten “o espírito de facer unha sociedade máis segura e sen barreiras”, pero tamén agradeceu a iniciativa do propio corpo de Bombeiros, xa que, segundo puntou o rexedor municipal, foi deles a iniciativa de facer este actordo coa asociación.
O acto contou tamén coa presenza dos concelleiros de Seguridade, Carlos Campos, e de Sanidade, Sofía Godoy, así como da presidenta da APSOU, María Isabel Fernández Álvarez.
O Concello de Ourense facilitaralles a formación específica, a través do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, sobre a prevención de incendios así como sobre a forma de actuar en caso de emerxencia. Será artellando relatorios, cursos de formación e coloquios. Pero tamén a través de programas específicos para as persoas con discapacidade auditiva coma o acceso ao teléfono de emerxencias 112, dispoñible para persoas con discapacidade auditiva que elaborou a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), polo que se pode comunicar en tempo e lugar unha emerxencia a través dun SMS.
O acordo terá vixencia durante un ano e as dúas entidades colaborarán durante este tempo, de xeito voluntario, en calquera outra actuación que poidan considerar de interese mutuo, segundo se recolle no texto do convenio.