ConcellosÚltima hora

As pinturas rupestres de Casaio abren a lista dos dez descubrimentos arqueolóxicos galegos máis importantes do 2019

Este ranking vén de facelo público o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, situado xunto ao castro ourensán de San Cibrao de Las

Un dos ídolos oculados das pinturas esquemáticas de Pala de Cabras en Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) Lansbrica, situado xunto ao castro de San Cibrao de Las (San Amaro-Punxín), vén de facer pública en xaneiro a lista dos dez achádegos arqueolóxicos máis importantes de Galicia durante o ano 2019. No número un dese ranking están as pinturas rupestres atopadas en Casaio (Carballeda de Valdeorras), “o maior conxunto de pintura esquemática prehistórica de Galicia”.

As pinturas valdeorresas de Pala de Cabras, segundo recorda o PACC, teñen entre 4.000 e 5.000 anos de antigüidade e idenfifican “ata 40 motivos distintos, a maioría deles ídolos oculados e figuras soleiformes”.

Esta manifestación de arte prehistórica dábase a coñecer en febreiro de 2019. Descubríaas un equipo integrado por investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio e da empresa Estela Arqueoloxía, dentro dun proxecto de investigación sobre as paisaxes da guerrilla antifranquista que realiza Sputnik Labrego, e contando coa colaboración da Comunidade de Montes de Casaio.

Nesta lista tamén de descubertas arqueolóxicas do PACC tamén aparecen outros descubrimentos destacados na provincia de Ourense como é o caso (no número 8) de pinturas rupestres (cunha cronoloxía do terceiro milenio antes da nosa era) “no xacemento de A Ceadá das Laxes das Chas, Monterrei. Feitas sobre granito, son os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte”, así como os “trisqueis, e máis obxectos sobresaíntes, na campaña 2019 do conxunto arqueolóxico de Santomé (Ourense)”, no número 5 da lista.

 

Entrada ao Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) Lansbrica./ Foto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button