Cumprindo unha “débeda que tiñamos con Luis Nogueira dende hai anos”, as pistas de atletismo de Calabagueiros, no Barco de Valdeorrras, serán bautizadas co nome do lanzador de xavelina vilamartinés. Así o aseguraba o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, na presentación que tiña lugar na mañá deste xoves 13 de febreiro nas pistas.
Aurentino explicou que a decisión foi tomada “por unanimidade nunha comisión de Deportes” e tras un tempo esperando que houbera un evento relacionado coa xavelina e agora “chegou o momento adecuado”. Será no marco do Campionato galego absoluto e sub23 de lanzamentos longos (xavelina, peso e martelo) que se celebrará o sábado 15 de febreiro no Barco.
Tal como explicou o presidente do Club ADAS Cupa, Agustín González, será pola tarde, en torno ás 17:45 horas cando teña lugar o acto no que destaparán a placa conmemorativa coa que quedarán bautizadas as pistas. “Dende as catro xa haberá actividade por parte do club para arroupar o evento”, dixo Tinín.
Na presentación tamén estaban o alcalde do Barco, Alfredo García; o sobriño e afillado de Luis Nogueira, Migue Ángel; o Delegado da FGA en O Barco Manuel Rodríguez; e o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo Eladio Gómez quen explicou que “será unha cita importante na que se derá cita a elite galega de lanzamento”.
En canto a participación destacan deportistas como Miguel Ángel Granado do Celta Atletismo que “está tentando buscar un novo título, neste caso de disco”; o medallista nacional Eric Méndez do Atletismo Portugalete que “parte como favorito no concurso de martelo ou o carismático atleta local Carlos Revuelta da Gimnástica como un dos seus máximos opoñentes”, entre outros. Entre os atletas valdeorreses estarán Mónica Yañez (Adas Cupa) e Isabel Seco (Atletismo Rúa), ámbalas dúas en lanzamento de xavelina.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.