Alumnos na convocatoria de xuño da ABAU 2023 no IES Cosme López da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.
A CIUG, Comisión Interuniversitaria de Galicia, vén de aprobar as datas para a realización das probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).
Con respecto á convocatoria ordinaria, como vén sendo habitual as probas terán lugar na primeira semana de xuño, do martes 4 ao xoves 6. E como novidade, as probas da convocatoria extraordinaria terán lugar na primeira semana de xullo, do martes 2 ao xoves 4. “Deste xeito o alumnado da convocatoria extraordinaria poderá realizar a súa solicitude de preinscrición nos distintos graos ofertados no Sistema Universitario de Galicia entre o 18 e o 22 de xullo, xa coas cualificacións definitivas, e non cunhas cualificacións suxeitas a posibles modificacións por reclamacións”, explican dende a CIUG.
Nun tempo de moitos cambios nas probas de acceso á universidade, tanto nos futuros modelos de exame como no currículo e, por suposto, coa aparición de novas materias en segundo de bacharelato, a CiUG “está a facer un gran esforzo para poder desenvolver as probas en tres xornadas”, din, asegurando que “cunha poboación que ten unha porcentaxe de dispersión do 48,2%, triplicando a media do estado, consideramos que debemos tentar minimizar os desprazamentos que ten que facer o noso alumnado desde as súas localidades ata os sete campus universitarios e tres concellos (A Rúa, Cee e Viveiro) onde se realizan as probas”.