OurenseÚltima hora

As profesionais dos servizos de axuda no fogar de Ourense, premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades 2021

A Concellería de Igualdade fixo unha mención especial ao traballo desenvolvido polas traballadoras da área municipal de Política Social

 

Por entender o xurado que “reflicten dun xeito singular os traballos de coidados” o XV Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades do Concello de Ourense recaeu nas profesionais dos servizos de axuda no fogar (SAF).

“Se algo puxo especialmente en evidencia durante o confinamento imposto despois da declaración do estado de alarma”, recolle a acta, “foi precisamente a crise dos coidados e a necesidade urxente de situalos no centro das políticas públicas”.“Estas profesionais”, prosegue, “a pesar da diversidade das tarefas que desenvolven e das situacións persoais que teñen que atender, arriscando a súa integridade e a das persoas coas que interactúan, seguen a ser un dos sectores profesionais máis precarizados”. A pesar de seren profesionais sociosanitarias de atención domiciliaria acreditadas foron excluídas do Real Decreto Lei 3/2001, impedindo así que se lles recoñeza como enfermidade profesional o contaxio por covid-19 durante a pandemia. Tampouco estiveron na lista do persoal prioritario para ser vacinadas, a pesar de ser o segundo colectivo máis contaxiado pola covid logo do persoal sanitario.”

Nesta edición do premio, a Concellería de Igualdade quixo facer tamén unha mención especial ao traballo desenvolvido polas traballadoras da área municipal de Política Social, porque “desde que se declarou o estado de alarma amosaron unha profesionalidade e unha implicación extraordinarias para non deixar desatendidas as necesidades básicas da poboación ourensá, malia contar con moi pouco persoal e verse sometidas a sobreesforzos continuados para acadar ese obxectivo”.

Artigos relacionados

Back to top button