ConcellosEn portadaQuirogaÚltima hora

As queimas prescritas fortalecen a resiliencia do solo fronte aos lumes forestais, segundo un estudo feito nun piñeiral de Quiroga

A investigación ten sido desenvolvida por científicas da Universidade Vigo e do CIF de Lourizán

Fotografía realizada na áera de estudo, no concello lugués de Quiroga .

 

“As queimas prescritas repetidas no tempo e de baixa intensidade poden desempeñar un papel fundamental na resiliencia dos solos forestais fronte ao lume, o que contribúe á conservación da biodiversidade edáfica e ao mantemento do funcionamento dos ecosistemas”. Así se demostra nun estudo desenvolvido por Raquel Juan Ovejero, investigadora de posdoutoramento no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, en colaboración coas investigadoras Noela Carrera e Teresa Fontúrbel do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, pertencente á Xunta de Galicia.

Os achados , publicados recentemente nun artigo na revista científica Journal of Environmental Management, “reforzan a importancia de integrar as queimas prescritas na xestión forestal como unha estratexia eficaz para reducir a severidade dos lumes, conservar a biodiversidade do solo e manter o funcionamento dos ecosistemas forestais nun contexto de aumento do risco de grandes lumes asociado ao cambio global”, segundo vén de facer público a Universidade de Vigo.

Avaliación do impacto dun lume ocorrido en 2021

O traballo, no que se analizaron os efectos combinados das queimas prescritas e dos lumes forestais sobre o solo, desenvolveuse nun monte de piñeiros bravos (Pinus pinaster) no concello de Quiroga (Lugo), unha área que sufriu lumes forestais de maneira recorrente ao longo das últimas décadas.

Durante o estudo as investigadoras analizaron o impacto dun lume ocorrido en 2021 nunha zona que fora sometida previamente a cinco queimas prescritas de baixa intensidade entre 1984 e 2017. Para iso, comparáronse parcelas sen lume, parcelas afectadas unicamente polo lume forestal e parcelas con historial de queimas prescritas previas seguidas do lume. Ademais as investigadoras puxeron o foco nas comunidades de mesofauna edáfica, formadas por pequenos invertebrados como ácaros e colémbolos e fundamentais para os procesos de descomposición da materia orgánica e ciclado de nutrientes. Así mesmo, tivéronse en conta as distintas funcións do solo (regulación hídrica, fertilidade, regulación climática e descomposición) e a súa multifuncionalidade.

 

 

Os resultados

Os resultados amosan que os solos con historial de queimas prescritas mantiveron comunidades de mesofauna máis diversas e funcionais tras o lume, moi semellantes ás observadas nos solos non queimados, e presentaron tamén unha maior multifuncionalidade do solo. Pola contra, as parcelas afectadas exclusivamente polo lume forestal rexistraron os impactos máis negativos, sobre todo nas funcións relacionadas coa regulación climática e coa descomposición da materia orgánica.

“Esta maior capacidade de recuperación dos solos sometidos previamente a queimas prescritas está asociada a un efecto de memoria ecolóxica, que permite que a xestión previa do lume preacondicione o sistema edáfico e reduza os efectos negativos dos lumes forestais sobre procesos esenciais do ecosistema”, en palabras da investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal.

Fotos: Duvi.

Back to top button