OurenseÚltima hora

As rapazas ourensás berran: “Que morran as comadres!”

Segundo día no que a Praza Maior de Ourense convértese nun campo de batalla. Pero, desta volta, para berrar “que morran as comadres!”. Hoxe, 8 de febreiro, as rapazas dos CEIPs Irmáns Villar, Amadeo Rodríguez Barroso, Albino Núñez e Seixalbo foron as encargadas de perseguir aos seus compañeiros, que portaban as “comadres” -bonecas feitas a modo de “mofa” das rapazas- para destruílas.

O chan desta praza central da cidade foi un completo campo de restos de papel pinocho e de xornal, materiais cos que estaban elaboradas estas “comadres”. O xeito de proceder foi o seguinte: nenos a un lado da praza e nenas ao outro, mentres eles amosaban, con retranca e burla, as súas comadres, elas berraban ben forte “que morran as comadres!”. Unha vez rematadas as regueifas, deuse o sinal e as nenas perseguiron aos rapaces por toda a Praza Maior, co claro obxectivo de roubarlles as “comadres”.

Finalmente, foron poucas as bonecas que quedaron en pé. Ao rematares, entre todos recolleron os papeis que quedaban polo chan e bailaron para festexar este inicio do Entroido.

Así arrancou o Entroido ourensán que seguirá esta tarde ás 23:00 horas coa animación de rúa a cargo do Trópico de Grelos e seguiralle unha sesión DJ cara á media noite na Praza do Correxidor.

Máis información sobre o Entroido de Ourense e doutros puntos da provincia, e de Galicia, na revista “Entroido de Galicia. Onde ir. Que ver” que edita O SIL e que xa está na rúa.

Fotos: Carlos Asensio.

 

A revista “Entroido en Galicia”, editada por O Sil, na rúa

Artigos relacionados

Back to top button