Ás 20 horas e diante dun expectante público arrancaba na tarde deste sábado 11 de maio, a edición de 2024 da Pasarela de Moda O Barco Centro Comercial Aberto que tivera que ser aprazada o 27 de abril (cando estaba prevista inicialmente) polas condicións meteorolóxicas adversas.
Desta volta o tempo acompañou nunha calurosa e soleada xornada. Da man da asociación Centro Comercial Aberto O Barco e conducida pola presentadora da TVG, actriz de dobraxe e cantante Tamara Pérez, ao longo dunha hora e media desfilaron pola pasarela un cento de modelos de todas as idades, veciños e veciñas da zona e de fóra da comarca, amosando as novidades do sector téxtil e complementos de dezasete empresas asociadas, entre elas o Periódico O SIL: catro comercios de moda infantil e o resto de moda de adultos, apoiando así publicamente unha das campañas comerciais que reúne a un maior número de clientes.
O desfile comezaba coa aparición sobre a pasarela da presentadora que daba a benvida ao numeroso público que enchía a rúa e toda a praza Andrés de Prada, así como aos protagonistas da noite: os comercios e os modelos, e algún dos convidados como o alcalde do Barco, Alfredo García ou a presidenta da Federación Galega de Comercio, Beatriz Gómez, entre outros.
Dividido en varios pases, os primeiros en desfilar eran coma sempre os nenos que encandilaban ao público coa súa simpatía e naturalidade, con prendas de O Bambán dos Sorrisos e maletas de Modas Toño, Casabella, Koki e Marylebone. No segundo pase, xa de adultos, desfilaban Pizpireta, Döce Ópticos Interópticas e Baamonde. No terceiro pase (a presentadora cambiaba de modelo en cada un e ata se atrevía a desfilar) era o turno de Miranda X que desfilaba co Periódico O Sil, Eneska, Tríos 2.0 e N37. O último pase, que poñía o broche era para as propostas de Garoba, Can-Can e Ana óptica que desfilaban conxuntamente, Moda Anímate e Montglam.
Houbo moito espectáculo, confeti e sorpresa, como a maquillaxe elaborada por alumnos do IES Lauro Olmo, así como a implicación de moitos profesionais. E coma sempre, a despedida e os agradecementos a todos os que fixeron posible o evento corría por parte do presidente do CCA O Barco, Jacobo Arias, que subía ao escenario xunto á presentadora e á xerente.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.
Máis fotos: