A moda e a xoiería volvían ser a combinación perfecta na ‘Pasarela Española Fashion Week Madrid‘ que na fin de semana do 19 e 20 de outubro celebraba no emblemático e glamuroso Casino Gran Vía de Madrid a XVI edición.

Trátase dun gran escaparate para deseñadores e firmas de autor, dirixido por Susan Villa, que mostran as últimas tendencias no mundo da moda e entre os que, por segundo ano, estaba a deseñadora de xoias de autor valdeorresa Fina Crespo, convidada pola súa mentora, a presidenta en España da Asociación Joyas de Autor, Laura Márquez.

Cando case todos os desfiles adoitan ser exclusivos de moda, nesta pasarela conviven as dúas expresións artísticas polo que, como deseñadora na Asociación Joyas de Autor, “dende o meu punto de vista é a mellor pasarela de moda de España, xa que moda e xoiería van da man”, di Fina Crespo que nesta ocasión presentou a colección ‘Pinceladas’. Un conxunto de xoias que transmiten valentía “convidando a poñer o que nos guste”; pero tamén diversión “pois son xoias reversibles coas que podes xogar e poñer no escote ou nas costas, máis longas ou curtas,…, di a deseñadora, destacando a elegancia como outro dos rasgos que definen a súa colección de “xoias que acarician a pel e dan ese toque sutil”.

‘Pinceladas’ é unha colección moi vitalista, “chea de cor nestes tempos un tanto escuros” coa que Fina volve rexurdir como a Ave Fénix, e que brillaba sobre a pasarela conquistando ao público madrileño. Para a creadora ruesa este é un impulso máis para seguir creando, “arroupada e valorada por grandes profesionais que conseguiron que a pasarela española sexa unha gran familia”, di, asegurando que a súa intención é promocionar a Artesanía de Galicia fóra da comunidade polo que agradece á Xunta o seu apoio neste proxecto.


Fotos: Charo Ulecia
Para ver a obra de Fina:
Instagram: finart21; Web: joyasconarte.com



