ConcellosTrivesÚltima hora

As XXI Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives celebraranse do 29 ao 31 de outubro

O VI concurso de tapa micolóxica comezará o venres 29 ás 18 horas

Exposición de cogomelos nunha edición anterior das xorndas. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Co outono xa avanzado chega o tempo dos cogomelos polo que o Club Montaña Trives ten preparada unha nova edición da súa actividade estrela: as XXI Xornadas Micolóxicas e o VI Concurso de Tapa Micolóxica que se desenvolverán do 29 ao 31 de outubro na Pobra de Trives.

O venres día 29 ás 18 horas dará comezo o concurso de tapas onde cada un dos 14 establecementos participantes poñerán á venda, por 1,50 euros unha tapa para a súa degustación. Tal como explican dende a organización, os establecementos disporán de papeletas e urnas para que o xurado popular elixa a mellor presentación e a tapa máis suculenta. Ademais, “as papeletas que dispoñan de 10 selos dos locais entrarán nun sorteo o domingo 31 (cesta gourmet, kit completo de micoloxía, ceas para 2 persoas nos establecementos participantes, etc..)”, engaden dende o Club Montaña Trives.

 

 

Ao día seguinte, sábado 30 de outubro, como xa é tradicional, ás 9 da mañá levarase a cabo unha charla no Auditorio Julio Vázquez de Trives a cargo da asociación micolóxica Os Cogordos para posteriormente saír ao campo en busca de cogomelos. Unha vez de regreso montarase unha exposición no interior de patio da Casa Grande de Trives, que permanecerá aberta ata o domingo ás 18 horas. A inauguración da mostra, entre as 18 e as 18:30 horas do sábado, contará cun espectáculo teatral a cargo da Caniceira.

Durante todo o día seguirá o concurso de tapas e ao mediodía (14 horas) celebrarase o tradicional xantar micolóxico gourmet no Restaurante La Viúda de Trives que constará de 4 pratos con diferentes variedades de cogomelos Premium, cun custo de 25 € por comensal.

O domingo día 31 ás 15 horas rematarase o concurso de tapas, realizándose o reconto das papeletas para ás 18 horas, na praza do Reloxo de Trives realizar a entrega de premios aos 3 locais máis votados en cada categoría. Ao finalizar realizarase o sorteo de premios ao xurado popular.

Artigos relacionados

Back to top button