EconomíaEconomíaÚltima hora

Asemblea de delegados da CIG xunto á Casa Grande de Viloira (O Barco)

Nela presentábase un documento con "Propostas fronte á crise para unha saída galega xusta", elaborado polo sindicato

 

A rúa, e máis en concreto as proximidades da Casa Grande de Viloira (O Barco), era o escenario no que se desenvolvía na mañá deste 16 de novembro unha asemblea de delegados (de diferentes sectores) da CIG. A xuntanza, que se iniciaba ás 11:30h. e que respectaba as medidas sanitarias fronte ao Covid, contaba coa presenza do secretario comarcal de Ourense, Anxo Pérez Carballo, así como de Francisco Moral, secretario da Unión Local da CIG Valdeorras.

O primeiro en dirixirse aos asistentes era Francisco Moral, quen insistía en que “estamos nun momento bastante difícil, pero isto non significa que a CIG non teña que estar na rúa defendendo os dereitos dos traballadores na situación na que nos encontramos. A CIG vai estar aquí”.

Nesa mesma cuestión incidía así mesmo Anxo Pérez Carballo. “Aquí estase dando unha crise sanitaria sen precedentes que nos veu demostrar que vivimos nun castelo de naipes, pensabamos que controlabamos o mundo e un virus fixo tambalear este mundo tan complexo que temos construído. Pero, ao mesmo tempo, esa crise sanitaria xerou unha situación económica gravísima para moitos sectores. Tanto é así, que algúns sectores están practicamente tocados de morte. E, en todas as crises económicas, sempre se dá a circunstancias de que as fortunas multiplícanse e as pobrezas tamén”.

 

 

O secretario comarcal de CIG  Ourense referíase ademais a que no “sindicato estamos nun nivel de estrés e de colapso, de xente que reclama información e asesoramento, que reclama por despidos, por incumprimentos das empresas, por falta de pagos, que reclama ERTEs. Estamos no mesmo nivel do mes de abril, no peor do estado de alarma. Daquela dixemos, e desgraciadamente acertamos, que ía vir un segundo tsunami de ERTEs, pero o peor é que todo isto conduce a que no 2021 haxa outro tsunami de despidos colectivos”.

Pérez Carballo aseguraba ademais que “estamos comprobando con esta pandemia que os recortes en sanidade e en servizos públicos fixeron moitísimo dano” e aludía a importancia do labor sindical neste contexto. “Somos unha central sindical e agora somos máis imprescindibles que nunca, temos que facerlle fronte e combater todas as inxustizas. A pandemia, á parte da enfermidade, é un cancro económico e social que imos ter que pagar nós, e aí temos que poñernos á fronte e dar ideas. E disto só sairemos unidos”, indicaba.

No decurso desta asemblea tamén se repartía un documento elaborado pola CIG que recolle “Propostas fronte á crise para unha saída galega xusta” e que lle serán trasladadas ao Congreso dos deputados e ao Parlamento galego.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button