OurenseÚltima hora

Asinado un novo convenio na provincia para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais

O documento era rubricado en Muíños por parte do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares

 

A provincia de Ourense contará con 12 sedes permanentes dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) que darán cobertura de 12 zonas de actuación, o que supón pechar o mapa provincial de emerxencias, rematando así coas zonas de sombra, reducindo os tempos de resposta, aumentando en 16 o número de profesionais e optimizando a atención de ata o 97 % da poboación no rural. Estas son, en síntese, as melloras que introduce o novo convenio para o desenvolvemento dos GES na provincia de Ourense, tal e como vén de sinalar a Deputación de Ourense.

Este documento asinábase esta mañá na sede da agrupación do GES situada no concello de Muíños por parte do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfonso Villares. Neste acto tamén estiveron presentes os alcaldes dos concellos nos que se atopan os GES, con Plácido Álvarez como anfitrión, o director de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta na provincia, Gabriel Alén.

 

 

Trala sinatura do convenio, Manuel Baltar afirmou que “pechamos o mapa provincial de emerxencias en Ourense, a primeira provincia galega en facelo despois de que en 2017 iniciásemos os traballos para dar a mellor cobertura á provincia”. Con este acordo, engadiu, “ningunha localidade da provincia está a máis de trinta minutos dun GES, que terán máis efectivos e melloran as súas condicións orzamentarias na procura dunha maior seguridade da veciñanza”. En conxunto, engadiu, “hoxe contamos con 17 grupos de emerxencias, os 11 GES, o servizo supramunicipal de Terras de Celanova, o parque de bombeiros que xestiona directamente a Deputación con base no polígono de San Cibrao, e catro parques comarcais”.

Ao mesmo tempo, dixo o presidente provincial, “estamos diante dun cambio de paradigma na xestión das emerxencias, porque tamén a Deputación vai máis aló ao facerse cargo das achegas que tiñan que facer os concellos para o financiamento destes grupos, fortalecendo así a colaboración coas entidades locais”. Un traballo que definiu como “unha foto fixa da cooperación institucional pola que apostamos sempre”, agradecendo tamén a implicación da Xunta de Galicia. Con este paso, a Deputación de Ourense convértese tamén na única administración provincial galega que se suma á proposta do Goberno autonómico para incrementar o número de efectivos e mellorar a cobertura dos servizos de emerxencias da comunidade, destacaba Baltar.

“Temos tres anos por diante para seguir mellorando un sistema de emerxencias que non vai desaparecer e que con este convenio gana en estabilidade”, dixo pola súa banda Alfonso Rueda, que destacou “o importante esforzo” que implica o investimento de case 4 millóns de euros para o financiamento dos GES, con 40.000 euros máis para o incremento do número de efectivos (16). “Achegámonos á cobertura óptima dun servizo básico como son as emerxencias, cun nivel moi razoable en Ourense, grupos profesionais, capacitados e con bos medios”, destacou Alfonso Rueda, que agradeceu “moitísimo á Deputación de Ourense que aceptara o plantexamento feito desde a Xunta de Galicia para darlle unha nova vixencia ao convenio dos GES e valía a pena facer este esforzo económico”.

Alfonso Villares, vicepresidente da Fegamp, destacou tamén que só fose a provincia de Ourense a única en asinar este novo convenio, “o que hai que facer valer porque con independencia da cor política, a nosa responsabilidade como representantes públicos e servir a toda a veciñanza, e a prevención e a atención ás emerxencias é un labor fundamental que debe facerse con profesionalidade, como a dos GES”.

En liñas xerais, o convenio asinado hoxe para o período 2022-2024 establece que a provincia de Ourense terá 12 sedes permanentes para a cobertura de 12 zonas de actuación a través de 11 GES (O Barco de Valdeorras; Castro Caldelas e Trives; Pereiro de Aguiar; Lobios; Muíños; A Gudiña; Laza; Ribadavia; Avión; Maceda; e A Veiga) e o servizo supramunicipal de Terras de Celanova.

 

 

Cada un dos GES terá 12 membros, nunha estrutura profesionalizada que facilitará a cobertura permanente do servizo. Neste sentido, os grupos beneficiados polo incremento de persoal son Avión, que gaña 3 profesionais; Ribadavia (2); Laza (6); Muíños (3); e Lobios (2). Cómpre tamén engadir a mellora nas condicións salariais dos traballadores destes servizos e do financiamento do servizo supramunicipal de Terras de Celanova, que consolidan ademais un servizo de emerxencias profesional, dotado de persoal axeitadamente formado e cualificado.

O custo anual do servizo será de preto de 3,8 millóns de euros, dos que máis de 313.000 euros corresponden a cada un dos GES e 320.000 ao servizo de Terras de Celanova. Segundo o convenio, a Xunta de Galicia achegará o 52,5 %, a Deputación de Ourense do 40 % e os concellos do 7,5 %. Así, a contribución da Deputación de Ourense será de máis de 1,5 millóns de euros anuais, cantidade á que haberá que sumar a achega das entidades locais (288.000 euros) pois a institución provincial asume a parte que achegan os concellos para o financiamento dos GES.

Artigos relacionados

Back to top button