ConcellosÚltima hora

A asociación de veciños Porto da Barca cambia de directiva

Ándres Martínez substitúe a Pilar Pérez como presidente do colectivo barquense
Manuel Páramo, Andrés Martínez (membros da nova directiva) con Pilar Pérez e Auria García (directiva saínte). /Foto: Mónica G. Bellver.

Despois de case sete anos ao fronte, Pilar Pérez deixa a presidencia da asociación de veciños Porto da Barca, do Barco de Valdeorras. “Teño moitas ideas pero cuestións laborarais impídenme adicarlle o tempo que a asociación require”, aseguraba Pilar na asemblea celebrada na tarde do 3 de agosto, na que anunciaba a súa demisión e a de Auria García, os únicos membros da directiva presentes.

O seu posto ocuparao Andrés Martínez Franco (Veira Sil), que formará directiva xunto a Manuel Páramo, José Fernández e Marcos Martínez. “Levan xa un tempo activando a praza Maior e trala organización da festa do Casco Vello, penso que son os axeitados para levar a asociación e que lle den un pulo a toda a zona”, asegurou Pilar antes de pasar o testemuño.

Entre os escasos membros da asociación presentes na asemblea, xurdiron propostas que xa fixeron chegar á nova directiva, centrándose especialmente nos temas que máis lles preocupan aos veciños como a limpeza, a iluminación, os servizos, o aparcamento, o embelecemento de fachadas e as celebracións como por exemplo a Kermés. O “importante é” aseguraron os presentes, “que a asociación se faga notar e colla peso porque agora non o ten”.

Con entusiasmo, ganas e posibilidades “intentaremos revitalizar a asociación e de paso o Casco Vello do Barco”, asegurou o novo presidente.

Artigos relacionados

Back to top button