CulturaCulturaÚltima hora

Ata 7 actividades diferentes cunha notable afluencia na terceira xornada do FIC Vía XIV de Verín

Realizábase concurso de pintura para artistas gráficos; un Obradoiro centrado no potencial da Intelixencia Artificial aplicada ao ámbito artístico ou un debate sobre a historia da cinematografía en Verín moderado por Sabela Souto

 

Cunha completa axenda de actividades paralelas dirixida principalmente ao público profesional celebrábase a terceira xornada do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín, o domingo 10 de setembro. Estas propostas contaban cun alto grao de participación e desenvolvíase en diferentes emprazamentos da vila. Así, por exemplo, ao longo de todo o día seguiu impartíase o obradoiro Interpretación perante a cámara, da man de Santi Cañaveral e Álex Mallo, no que os oito participantes nesta actividade recrearon escenas da historia da cinematografía asesorados por estes dous profesionais da actuación.

Xunto a isto, a Viñoteca Gandainas (situada na Praza García Barbón de Verín) acollía o debate “Un rural cheo de audiovisual”, unha actividade informal concibida coma un espazo de encontro no que artistas, profesionais do audiovisual e do eido cultural debateron sobre as oportunidades e o potencial que teñen os espazos periféricos e as contornas rurais para o desenvolvemento de diferentes proxectos de tipo audiovisual. O apoio aos novos creadores nestas zonas, o fomento de novos públicos, o aproveitamento dos produtos audiovisuais e o achegamento das últimas tendencias ás vilas de menor dimensión foron algúns dos aspectos que centraron o debate.

Tras esta actividade, na mesma Praza García Barbón de Verín houbo unha sesión vermú aberta á veciñanza que estivo amenizada con música de Massy Ferguson.

 

 

Concurso de pintura e obradoiro de Intelixencia Artificial

Sen dúbida, unha das actividades máis novidosas desta edición do FIC Vía XIV foi o concurso de pintura que a organización promoveu este ano entre artistas gráficos maiores de 16 anos que se animaron a recrear sobre lenzo algunha escena ben recoñecida da historia da cinematografía. Os participantes traballaron durante catro horas no interior do Auditorio de Verín e as súas obras vanse expoñer durante toda a semana no recinto ata que se decidan os dous premios que se van outorgar, un concedido por un xurado profesional e outro mediante votación popular.

O Obradoiro de Intelixencia Artificial (IA) impartido por Alfonso Sola, docente, investigador e artista, completou o seu aforo. Nesta actividade, celebrada no Auditorio, ofreceuse aos asistentes unha serie de claves para a creación de imaxes con IA. Este seminario de iniciación afondou tamén no emprego desta tecnoloxía e das ferramentas de IA tanto no eido audiovisual coma no artístico.

 

 

Proxección da curta Enferma

Fóra de concurso, o Auditorio de Verín acolleu tamén esta tarde a proxección da curta Enferma. Un traballo dirixido por Manel Salgueiro e protagonizado polo actor local Toni Salgado de 24 minutos de duración, concibido como un vibrante thriller dividido en tres partes.

Xunto a isto, tres xornalistas -Carolina Aldara, Rosalía Piñeiro e Concha Caneiro- foron as encargadas de dirixir, no espazo exterior do Auditorio, o podcast Ti mesma, no que charlaron con diferentes convidados ao certame para presentalos e dalos a coñecer, principalmente ao público máis novo, mediante un formato de entrevistas en directo, con toques de humor e reivindicación do cinema.

Historia dos cineclubes

A actividade final do día foi dirixida por Sabela Domínguez Souto, profesional do audiovisual e membro do equipo de traballo do FIC Vía XIV, e levou por título Historia dos cineclubes. Nela, fíxose un repaso pola ampla pegada tradición cinematográfica que sempre existiu na vila do Támega e na súa comarca, onde chegou a haber ata cinco salas de proxección diferentes.

“Unha pegada que, sen dúbida, explica o éxito e a grande aceptación coa que hoxe conta o FIC Vía XIV”, considerou Domínguez Souto durante a súa intervención como moderadora nesta actividade divulgativa na que participaron algúns dos protagonistas dos primeiros movementos cinéfilos que houbo en Verín para recoller a súa testemuña e salvagardar na memoria a súa relevancia.

Fotos: FIC Vía XIV de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button