ConcellosÚltima horaVerín

Centos de Comadres toman Verín abrindo a semana grande do Entroido 2025

 

Multitudinaria resultaba novamente a celebración do Xoves de Comadres en Verín, na noite do 27 de febreiro, a cita que marca o inicio do Entroido na vila do Támega.

Tras as tradicionais ceas das comadres nos restaurantes da vila, amenizadas polas charangas as mulleres (e homes disfrazados de mulleres) chegados dende diferentes partes de Galicia dirixíanse á Casa de Escudo, no barrio de San Lázaro. Alí a Raíña do Entroido recibía á comitiva encabezada por Don Carnal para de seguido, tralo saúdo, dirixirse ata a praza García Barbón para dar a benvida ás longas noites de festa. Velando pola seguridade e o orde, coma sempre membros de diferentes Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.

 

 

Estaba previsto que a actuación da Orquestra Marbella puxese o broche á noite pero “debido a un fallo técnico imprevisto na súa mesa de son”, non foi posible. Tal e como indican dende o Concello de Verín, “a propia orquestra, responsable da infraestrutura técnica do evento, informou desta incidencia tras comprobar que o sistema funcionaba correctamente durante as probas previas”, din, agradecendo o esforzo do equipo técnico da Orquestra Marbella, que “traballou intensamente durante máis de dúas horas na busca dunha solución, así como a profesionalidade e rapidez dos DJ’s de Gramola e Enjoy, que permitiron que a festa continuase ata o seu remate”.

 

 

Porén, a noite de Comadres quedaba tristemente marcada por unha tráxica perda. “Con inmensa dor, confirmamos o falecemento dun operario da Orquestra Marbella, de 52 anos, debido a un infarto fulminante mentres realizaba tarefas de desmontaxe do escenario. A pesar da rápida intervención dos servizos de emerxencia, non foi posible reanimar á vítima”, indican dende o Concello.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button