ConcellosÚltima hora

Ata outubro non poderá volver a renovarse o DNI no Barco

O Concello segue defendendo que “a comarca de Valdeorras en xeral e O Barco en particular deben contar cunha oficina permanente nesta localidade” e porase en contacto cos novos responsables do Ministerio do Interior
Exterior da Casa Consistorial do Barco./ Foto: A.R.

A unidade itinerante da Policía Nacional que se despraza de xeito periódico a Valdeorras para realizar a renovación de DNIs e outros trámites non voltará ao Barco ata o mes de outubro, tal e como se vén de informar dende este Concello. “Unha vez realizada a visita do mes de xuño, dende a Comisaría de Policía de Ourense comunicouse que no volverán ata outubro nunha data aínda non precisada, polo que ata o mes de setembro non se volverá dar cita aos interesados”, asegúrase dende o Concello do Barco.

En Valdeorras residen 27.000 habitantes, dos que 14.000 viven no Barco, cabeceira comarcal. A capital da provincia está a 120 quilómetros de distancia e as deficiencias das comunicacións por estrada dificultan aínda máis as viaxes a Ourense. Por iso, dende o Concello do Barco segue defendéndose que “a comarca de Valdeorras en xeral e O Barco en particular deben contar cunha oficina permanente nesta localidade, xa que reúne todas as condicións establecidas na normativa para iso”. Neste senso, o Concello anuncia que se porá en contacto cos novos responsables do Ministerio do Interior para tratar de retomar este tema.

Artigos relacionados

Back to top button