CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Ata tres citas co teatro neste Nadal no Barco

Do 28 ao 30 de decembro poranse en escena no Teatro Lauro "Concerto singular", "Arlequina" e "O Apalpador e o ladrón de xoguetes"

Unha imaxe do espectáculo “Concerto singular”./ Imaxe: Culturactiva.

 

Entre as propostas culturais do programa de Nadal do Barco figura o teatro con ata tres propostas diferentes e pensadas, de xeito especial, para o público familiar. Así o 28 de decembro ás 19h. a compañía Píscore presentará sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo o seu “Concerto singular”. Esta “musicomedia” (interpretada por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas) xira en torno a unha marimba e á dificultade de catro músicos para sacarlle partido. Ensaios, erros, probas, solucións sorprendentes… en clave de humor ata que, finalmente, conseguen poñer en marcha o concerto.

Ao día seguinte, 29 de decembro, ás 19h., ese mesmo escenario barquense acollerá a peza “Arlequina” da compañía Os Monicreques de Kukas. Trátase dun espectáculo de gran formato, que conxuga o traballo de actor e a pantomima coa animación de monicreques. Conta unha divertida, misteriosa e trepidante aventura na que Arlequina, un anaco de papel con alma da títere, se embarca na busca da súa identidade.

O 30 de decembro ás 19h. está prevista unha nova sesión teatral, desta volta da man de Títeres Cachirulo, coa representación “O Apalpador e o ladrón de xoguetes”, tamén no Teatro Lauro Olmo. Nesta función navideña, a figura mítica do Apalpador vén de visita na compaña dos seus amigos, pero nesta viaxe o Ladrón Pasmón anda tras os xoguetes dos cativos.

Artigos relacionados

Back to top button