DeportesFútbol salaÚltima hora

Atlético Godello, un equipo de fútbol sala valdeorrés, no corazón da Coruña

Atético Godello Valdeorras Futsal.

 

Nesta tempada 2023/2024 a liga coruñesa de 2ª Autonómica de fútbol sala conta cun novo equipo sénior masculino, o Atlético Godello Valdeorras Futsal, un grupo formado principalmente por xogadores valdeorreses residentes na cidade Herculina.

“Démonos conta de que co paso dos anos hai moitos valdeorreses vivindo na Coruña, familias completas. Así que decidimos facer algo por xuntarnos e que mellor que facendo deporte como motor para promocionar a comarca de Valdeorras, especialmente o viño, de aí o nome”, explica Anxo García, un dos fundadores e membro da xunta directiva formada por cinco persoas, todas valdeorresas.

 

 

Con respecto ao equipo, contan neste momento cunhas 14 fichas, das cales máis da metade son de Valdeorras “pero non somos ningún geto e convidamos a xente doutros lugares a que se sumen, sexan de onde sexan”, di Anxo, indicando que hai xogadores do Barco, da Rúa e de Petín, de onde chega Brais Meco, unha das últimas incorporacións, que compaxina o xogo no Atlético Godello de sala co CD Rúa de fútbol.

Este equipo “non só representa unha fiestra de ocio deportivo, senón tamén un vehículo de conexión coas raíces culturais e tradicionais arraigadas en Valdeorras”, din dende o club, asegurando que competir na Coruña implica moito máis que unicamente enfrontarse na cancha. “É una invitación aberta á comunidade valdeorresa a reunirse, a sentir o calor da terra de orixe e a celebrar os costumes que fan de Valdeorras un lugar único e a través de eventos, actividades e programas culturais, non só buscamos o éxito deportivo, senón tamén a difusión e preservación da rica herdanza valdeorresa na cosmopolita A Coruña”, destacan.

 

 

Para logralo, á parte da liga están inmersos en dúas competicións, a Copa Galicia e o Teresa Herrera, nas que xa pasaron de rolda.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button