A RúaConcellosÚltima hora

Aumenta a porcentaxe de detidos por delitos contra o patrimonio na Rúa

O subdelegado do Goberno e a alcaldesa copresiden a Xunta Local de Seguridade, na que abordaron a situación en materia de seguridade cidadá do municipio e o Plan Director

 

Na mañá deste venres  19 de xullo o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidía xunto á alcaldesa da Rúa, María González Albert, a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación de seguridade cidadá no municipio e o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos.

En canto á seguridade cidadá, os datos expostos nesta reunión reflexaron que “A Rúa, e tamén Valdeorras, presentan baixos índices de delincuencia e os niveis de delitos graves e leves mantéñense en cifras similares ao mesmo semestre do ano anterior, cunha diminución dun 16% no volume total. Pola contra, aumentaron nun 6% os delitos contra o patrimonio con respecto ao 2023”. A actuación das forzas de seguridade está sendo chave para manter estes baixos índices, como reflexa o incremento nun 18% do número de detidos en relación ao ano pasado; sobresaíndo, por medrar nun 140%, os detidos por delitos contra o patrimonio (principalmente roubos e furtos).

 

 

No tocante á violencia de xénero, as cifras no concello da Rúa están estabilizadas, aínda que medran na provincia. “Incremento que se debe tanto ao aumento do número de denuncias como aos cambios de criterios na desactivación de casos, efectuados coa finalidade de aumentar a protección das vítimas”. Neste senso, o subdelegado do Goberno en Ourense insistiu en que “o problema da violencia machista é un drama constante que require toda a atención das institucións e das forzas de seguridade. Dende a Subdelegación, a través das forzas de seguridade e da Unidade de Violencia contra a Muller, estanse adoptando medidas de vixilancia, prevención, educación e detención dos agresores, e protección das vítimas, atendendo ao nivel de gravidade de cada caso”.

Co obxectivo común de frear a lacra da violencia machista, as tres administracións presentes comprometéronse a coordinar esforzos e recursos. Ademais, a Xunta Local de Seguridade tamén abordou a memoria de actuacións preventivas enmarcadas na aplicación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas no Concello da Rúa. “Un labor cada vez máis importante e valorado en temas de seguridade vial, violencia machista e ciberdelicuencia”, destacou Eladio Santos.

Na reunión tamén estiveron presentes a delegada territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, Beatriz Fernández; o tenente alcalde da Rúa, Luis Fernández; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias; e representantes da Garda Civil e da Policía Local da Rúa.

Artigos relacionados

Back to top button