ConcellosMontederramoÚltima hora

Avanzan as obras de acondicionamento no Mosteiro de Santa María de Montederramo

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González reuniuse co alcalde do Concello, Antonio Rodríguez para supervisar estas actuacións financiadas nun 75% polo Mitma

O subdelegado do Goberno xunto ao alcalde de Montederramo durante a visita. 

Na mañá deste xoves 3 de xuño, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, desprazazábase ata o concello de Montederramo para visitar as obras realizadas no Mosteiro de Santa María de Montederramo con cargo ao Programa do 1,5% Cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para conservación ou enriquecemento do Patrimonio Histórico Español. Na visita estivo acompañado polo alcalde, Antonio Rodríguez, e por membros da corporación municipal.

As actuacións tiveron como finalidade a restauración parcial das cubertas e fachadas do Mosteiro de Santa María de Montederramo e concretáronse sobre a cuberta e lanterna da cúpula do cruceiro; así como nas cubertas e fachadas da ábsida da nave central, do brazo sur do cruceiro e da sancristía.

 

Exterior do Mosteiro de Santa María de Montederramo.

 

O obxectivo das obras expostas consiste en garantir que a cuberta só precisará no futuro labores sinxelas de limpeza e mantemento, así como asegurar a súa durabilidade por un período mínimo de vinte anos.

Para o proxecto de acondicionamento de espazos para incorporar á visita cultural do Mosteiro de Montederramo o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana fixo unha achega de 149.999,54 euros, o que supón o 75% do presuposto total.

 

Interior do mosteiro.

 

No encontro, o subdelegado do Goberno tamén salientou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, respaldou economicamente cunha subvención de 94.080 euros o proxecto de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público nas parroquias de Covas, San Cosme de Montederramo, Paredes, Gabín, Montederramo e Nogueira, o que implicará “un aforro económico para o concello, que se poderá destinar a outros servizos municipais, e de emisións á atmósfera”, dixo González, quen tamén sinalou que o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), conta con dezaseis entidades de poboación de Montederramo beneficiarias na convocatoria de 2019, o que permitirá que nos vindeiros meses a banda ancha chegue ás mesmas.

Artigos relacionados

Back to top button