EntrevistasÚltima hora

Avelino González: “O botelo é unha proba de que temos a felicidade máis preto do que pensamos”

Este actor e contador vigués será o pregoeiro da XX Festa do Botelo do Barco o vindeiro 18 de xaneiro a partir das 12h no Teatro Lauro Olmo

O actor Avelino González será o pregoeiro da XX Festa do Botelo do Barco./ Foto: A.R.

 

O seu toque especiado, as costelas, os osos… fan do botelo unha comida saborosa e “entretida, que permite falar, dache para enredar, ten moitas cousas”, di Avelino González. Este actor e contador vigués exercerá de pregoeiro da XX Festa do Botelo do Barco o próximo sábado 18 de xaneiro a partir das 12h. No seu pregón, que terá un marcado tono humorístico, louvará as virtudes deste embutido valdeorrés.

Ten sido pregoeiro xa en diversas festas, pero, ¿este é o seu primeiro pregón dun produto gastronómico?

Non, de feito, un dos primeiros pregóns que fixen foi o da festa do pan de Neda. Non acepto pregóns de seu, só collo aqueles que me fan ilusión por algo: porque coñezo o sitio, a xente do lugar ou o produto que se gaba, que se festexa.

¿Cal foi o motivo neste caso?

O Barco, Valdeorras é unha zona que para min é bonita, ademais de misteriosa porque aínda me queda moito por descubrir nela. Coñezo moito, pero tamén coñezo moitas cousas que non coñezo e que me gustaría coñecer, entón iso dame para construír unha Valdeorras así mítica, que logo, cando a vou descubrindo, resulta que hai mitos que desfago, pero medran outros novos, e ademais que se vai renovando, non se esgota… Está a lousa, a cidade da selva e as minas de volframio, logo aparecen os balnearios abandonados, o viño, as adegas… É un sitio do que me gustaría saber máis e chegar ao seu anecdotario pequeno.

Pode resultar curioso que unha persoa da costa pregoe un produto tipicamente do interior como é o botelo…

Para min non é tan estraño porque o porco é unha cousa internacional. Antes de que se inventara a globalización, un de tantos elementos globalizadores era o porco. Eu dinme conta diso en Vietnam, alí o meu pai tiña máis puntos de conexión coa xente dese país ca min, independentemente da aldea, ou en Cuba. Ti pos un porco no medio da xente e vai haber moitas persoas, maiores de 40 anos, que a partir dese animal van saber comunicarse porque é intercultural e globalizador, cóidase como se coida o importante e mátase para comer en todas partes. Eu son de costa, pero como porco igual ca vós. E ese é un dos elementos de conexión, o que cambia é a forma de comelo.

Cando descubrín o botelo nun Entroido pareceume unha cousa marabillosa e dixen, que rico. Ten costela, ten oso, resulta unha comida entretida, que permite falar, dache para enredar… Á miña nai, que é máis de costa ca min, encántalle botelo e cando topou que podía compralo en Vigo era unha das cousas que comía.

¿O humor tamén estará presente no pregón?

Un pregón ten que ser sempre laudatorio do produto e do lugar, é ademais este ten que ser claramente humorístico, e vaino ser. Vivimos mellor do que incluso nós mesmos nos concedemos pensar, temos a felicidade máis cerca, e unha das probas é iso: o botelo.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button