ConcellosQuirogaÚltima hora

Axudas económicas do Concello de Quiroga para os estudantes do municipio que estean fóra

 

Novamente o Concello de Quiroga vén de consignar unha partida de 7.000€ para axudar aos estudantes empadroados no municipio que cursan algunha das ensinanzas que non se podan cursar en Quiroga (FP ou universitarias). “Son gastos subvencionables a matrícula educativa, a compra de libros de texto ou material escolar, o alugueiro de vivendas ou os gastos de transporte, sempre que figuren a nome do estudante que solicita a achega económica”, di a concelleira de Xuventude, Ana Lucía Nogueira.

Esta semana enviaranse as bases, que xa se poden consultar no taboleiro de anuncios do concello, para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Unha vez estean publicadas no boletín os alumnos interesados terán 20 días hábiles para presentar as solicitudes, que obrigatoriamente este ano deberán tramitar a través de internet (sede electrónica do concello ou no correo concello.quiroga@eidolocal.es). Xunto co formulario da solicitude deberán de presentar xa a documentación xustificativa do gasto para o que piden a axuda.

Esta partida de 7.000 € repartirase entre todas as solicitudes que se presenten, pero irá en función do gasto que se xustifique. A concelleira de Xuventude resalta que cada beneficiario recibirá axuda en proporción ao seu gasto, “para recibir a contía máxima que corresponda despois de dividir a partida orzamentaria entre todas as solicitudes é preciso que estea xustificada esa cantidade como mínimo”, “de non xustificarse esa cantidade soamente se subvencionaría o gasto xustificado”. O pasado curso foron 37 os estudantes beneficiados.

Artigos relacionados

Back to top button