ConcellosEntroido 2024Última horaVerín

O prazo límite de inscrición para os desfiles de Entroido de Verín será o mércores 31 de xaneiro

Serán o domingo 11 de febreiro ás 12 horas e o martes 13 de febreiro ás 16:30 horas

Desfile Domingo de Entroido 2023 en Verín./ Foto Concello de Verín.

 

Á área de Turismo, Cultura e Festexos do Concello de Verín abre o prazo de inscrición para as carrozas e comparsas que desexen participar nos desfiles do Entroido 2024. A data límite para formalizar a participación será mércores 31 xaneiro. Como novidades, este ano, a organización ofrece axudas directas e fai un chamamento á participación activa nos mesmos dos grupos de comadres.

Este ano, os Desfiles de Entroido en Verín presentan unha importante novidade ofrecendo axudas directas á participación de carrozas e comparsas, destinadas a impulsar a creatividade e a animación neste destacado evento. Cunha asignación máxima de 10.000 euros procedentes do orzamento municipal, os premios repartiranse equitativamente entre os participantes, seguindo unha estrutura que premia o número de integrantes, desde 200 euros para grupos máis pequenos ata 500 euros para aqueles con máis de 30 membros. A distribución levarase a cabo respectando rigorosamente a orde de inscrición, incentivando a pronta participación e recoñecendo o esforzo de todos grupos involucrados.

Por outra banda, e co propósito de visibilizar e valorizar os elaborados disfraces que -ano tras ano- crean con paixón centos de grupos de mulleres para a mítica noite de comadres, desde a área de Festexos faise un chamamento á súa participación activa nos desfiles. “Esperamos que se presenten o maior número de grupos de comadres, xa que estamos seguros que isto contribuirá a enriquecer a experiencia de participantes e espectadores por igual, enchendo de colorido e diversión as rúas de Verín”, destacaron desde a área de Turismo Cultura e Festexos.

Bases do concurso de comparsas con premios á participación do Entroido

A Concellería de Cultura do Concello de Verín convoca o tradicional desfile de comparsas, dentro do programa de actividades do Entroido 2024. As presentes bases rexerán a concesión de premios as comparsas/carrozas pola súa participación nos desfiles programados polo Concello de Verín.

O desfile do Entroido de Verín, é unha celebración única que destaca pola súa rica tradición e colorido, onde a creatividade e a festa conflúen nunha explosión de alegría. Co obxectivo de enriquecer aínda máis esta experiencia, elabóranse estas bases para incentivar a participación nos desfiles.

Ademais, e co proposito de visibilizar e valorizar os elaborados disfraces que ano tras ano crean con paixón centos de grupos de Comadres para a mítica noite, faise un chamamento a todas as Comadres así como tamén a toda a veciñanza que vive e fai Entroido, a que se sumen a esta tradicional cita contribuíndo, sen dúbida, a enriquecer a experiencia de participantes e espectadores por igual, enchendo de colorido e diversión as rúas de Verín.

Neste desfile poderán inscribirse todas aquelas comparsas e carrozas constituídas legalmente como asociacións, clubes sen ánimo de lucro, ou agrupacións de persoas fisicas (sen CIF) que desexen participar nos desfiles, como comparsas ou con carrozas, indicando sempre o numero de persoas que participarán nos desfiles.

 

Desfile Domingo de Entroido 2023 en Verín./ Foto Concello de Verín.

 

Poderán optar aos premios establecidos nas presentes bases todas aquelas comparsas ou carrozas, e poderán inscribirse en dúas modalidades: Carrozas e Comparsas.

As inscricións deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Verín no impreso normalizado para esta finalidade, e achegarán a seguinte documentación de carácter obrigatorio:

    • Fotocopia do CIF da asociación / NIF do representante do grupo de persoas
    • Declaración responsable asinada polo presidente/a da Asociación, ou representante da carroza/comparsa participante, onde figuren o nome e o DNI de TODOS OS INTEGRANTES da carroza/comparsa
    • Certificado do IBAN da conta bancaria para o ingreso ao representante.
    • Documentación dos vehículos para a participación nos desfiles: Permiso de condución; Permiso de circulación; Ficha técnica ITV vixente; Recibo do seguro vixente.

As asociacións participantes poderán inscribir as súas comparsas dende o 15 de xaneiro ata o 31 de xaneiro de 2024 ambos incluídos. Aquelas inscricións realizadas antes ou despois do prazo estipulado nestas bases non serán admitidas, calquera que sexa a causa.

A cantidade máxima destinada a premios de participación no Entroido establécese en 10.000 euros con cargo ao vixente orzamento municipal. O importe dos premios determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa: 1 a 10 compoñentes, 200 euros; 11 a 20 compoñentes, 300 euros, 21 a 30 compoñentes, 400 euros; e máis de 30 compoñentes, 500 euros.  O importe máximo establecido de 10.000 euros repartirase ata acadar esta cifra e seguindo rigorosamente a orde de inscrición. Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.

Os desfiles terán lugar nas datas e horarios sinalados no programa de festas do Entroido. O domingo 11 de febreiro ás 12 horas partirá da avenida de Castela desprazándose pola avenida Luis Espada ata a rúa da Alameda para entrar á praza García Barbón a través da praza da Alameda; e o martes 13 de febreiro ás 16:30 horas partirá da avenida de Castela desprazándose pola avenida Luis Espada ata a rúa da Alameda para entrar á praza García Barbón a través da praza da Alameda.

Máis información en www.verin.gal.

Artigos relacionados

Back to top button