PolíticaÚltima hora

Baltar presenta no Congreso o proxecto “Provincia Intelixente”

Participaba como relator no Foro APAMA 4.0, que abordaba os principais retos do sector agroalimentario en España

No marco do foro de debate sobre os retos do sector agroalimentario de España que tiña lugar na tarde do 19 de abril no Congreso dos deputados, o presidente do PP de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, sinalaba que o futuro do rural “pasa por unir tradición e innovación, aplicando a intelixencia competitiva ás singularidades do territorio”. Baltar, expoñía no seu relatorio o proxecto de “Provincia Intelixente”, iniciativa pola cal a Deputación de Ourense ten sido recoñecida pola innovación aplicada á xestión pública.

O presidente dos populares ourensáns afirmou que “a base é a provincia” e destacou que a evolución do rural “ten que ir da man de proxectos que analicen, investiguen e acheguen solucións ás necesidades actuais, como son a demografía, a protección do medio ambiente, ou o desenvolvemento de riquezas naturais, como o termalismo ou o aproveitamento de ríos en encoros para convertelos en verdadeiras plataformas deportivas que acheguen valor e promoción das comarcas rurais”.

Manuel Baltar dixo neste sentido que no goberno provincial que preside “puxemos en marcha, coa planificación e a previsibilidade como folla de ruta, proxectos nos ámbitos económicos, de cooperación internacional transfronteiriza e de posta en valor do que supuxo a emigración ourensá e galega como traza de identidade do noso pobo, iniciativas que perseguen seguir elevando o medio rural para recuperar a importancia básica que sempre tivo na nosa provincia”. Baltar destacou, neste ámbito, o Observatorio Económico Provincial, “que periodicamente fai unha diagnose socio-económica da provincia, favorecendo así a mellor toma de decisións políticas e mesmo
empresariais e sociais”.

O Foro APAMA 4.0, celebrado hoxe no Congreso dos Deputados, abordou os principais retos do sector agroalimentario en España. Está impulsado polo Grupo Parlamentario Popular desde as comisións de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e de I+D+I do Congreso, e ten como finalidade debater sobre os desafíos do sector a curto e medio prazo, analizando temas como a auga, a innovación, o envellecemento e a internacionalización.

Ao longo da xornada interviñeron empresarios, agricultores, axentes de desenvolvemento local, gandeiros, comunicadores, emprendedores e representantes políticos e de distintas administracións. Manuel Baltar interviña na mesa sobre “territorio e despoboamento, moderada pola periodista e escritora Isabel González del Vado, e na que tamén participaron Javier Moliner, presidente da Deputación de Castellón; Francisco Burillo Mozota, director dos Proxectos Segeda e Serranía Celtibérica; Felipe González de Canales, presidente do Instituto de Desarrollo Comunitario; Chabela de la Torre Olvera, delegada do Proxecto REGTSA; Victor Jolin Garijo, coordinador de Reder, e Benjamín Prieto, presidente da Deputación de Cuenca.

Artigos relacionados

Back to top button