Deportes

Bande celebra a III BTT do Peixe o 20 de agosto

Os participantes percorrerán 37 quilómetros de dificultade media-alta
Jose Antonio Armada, Rosendo Fernández e David Sánchez.
Jose Antonio Armada, Rosendo Fernández e David Sánchez.

O Concello de Bande acollerá o día 20 de agosto a terceira edición da BTT do Peixe. A proba deportiva contará cun percorrido de 37 quilómetros de dificultade media-alta. A presentación da cita tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación, á que asistiu o vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, o alcalde do Concello de Bande, José Antonio Armada, e o membro da organización da BTT, David Sánchez.

A carreira, de carácter non competitivo, terá lugar ás 9h, con saída na Praza da Constitución. “Trátase dunha ruta de 37 quilómetros de lonxitude con catro avituallamentos. O percorrido cambiámolo cada ano para dar a coñecer distintas zonas do Concello de Bande”, explicou o organizador.

O obxectivo desta actividade é, segundo apuntou Sánchez, ofrecer opcións a esa xente que vén de vacacións ao municipio, para que gocen da súa estancia no concello. Para iso, explicou a posta en marcha dun servizo de aluguer de bicicletas con diferentes empresas.

Pola súa banda, o rexedor agradeceu o apoio da Deputación e lembrou que a proba coincide coas festas patronais de Bande, “polo que o clima festivo engádese tamén a esta celebración”, apuntou.

Rosendo Fernández defendeu o apoio a “este tipo de iniciativas que aglutinan deporte, saúde e natureza, e que permiten aos participantes gozar da riqueza paisaxística deste municipio” e destacou en xeral a oferta deportiva e cultural do municipio, no que ademais hoxe se celebra unha parada das Xornadas de Folclore.

Os interesados poden inscribirse até o día 16 de agosto, a través da páxina web www.bandebtt.es ou nas dependencias do Concello ou do Pavillón de Bande. O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe un obsequio dunha mochila técnica, unha paella para todos os participantes ao finalizar a ruta e acceso gratuíto ás piscinas do concello.

Artigos relacionados

Back to top button