En portadaÚltima hora

O Barco solicita a creación dunha oficina permanente do DNI nesta vila

O Concello tamén informa de que a unidade itinerante que tramita a renovación non viaxara ata O Barco en novembro
Exterior da Casa Consistorial do Barco.

Unha unidade itinerante da Policía Nacional acostuma vir unha vez ao mes ata O Barco para a expedición do DNI neste concello. Esta visita “non chega para cubrir toda a demanda que se produce”, segundo o Concello do Barco, e ademais, “a visita suspéndese en ocasións, normalmente non viaxan durante o verán”.

Neste senso dende o Concello tamén se indica que o servizo quedou “suspendido entre xullo e setembro (ambos incluídos), e o 2 de outubro acudiron para atender a un máximo de 70 usuarios. O 9 de outubro comunicouse ao Concello que o equipo itinerante de xestión do DNI non acudirá no mes de novembro por dificultades internas”.

Esta situación, continúa o Concello do Barco, “provocará innumerables perxuízos aos veciños de O Barco e a toda a comarca de Valdeorras, especialmente a aqueles de máis idade, que teñen dificultades para poder viaxar a Ponferrada ou Monforte para tramitar a renovación do DNI. Tendo en conta a gran cantidade de días festivos que ten decembro, é probable que tampouco nese mes se conte coa posibilidade de renovar o DNI no Barco”.

Deste xeito, o Concello do Barco recorda a cifra de poboación desta zona, na que residen 27.000 habitantes, dos que 14.000 viven no Barco, cabeceira comarcal. “A capital da provincia está a 120 kilómetros e as deficiencias das comunicacións por estrada dificultan aínda máis as viaxes a Ourense. Por iso os veciños que dispoñen de medios de locomoción viaxan a Monforte (Lugo), ou Ponferrada (León) para a expedición da súa documentación”.

Tendo en conta isto, o Concello do Barco apunta que, á marxe “da necesidade de que se busque unha solución provicional para que os veciños poidan renovar o DNI no mes de novembro, a comarca de Valdeorras en xeral e O Barco en particular deben contar cunha oficina permanente na localidade barquense, tal e como se solicitou oficialmente fai uns meses, por medio de escritos á administración del Estado”.

O Concello do Barco di que aínda non tivo resposta a esta petición, que se xustificaba, entre outras razóns, no feito de qie as comisarías de Policía existentes en España –e tamén en Ourense- non cubren as necesidades evidenciadas en materia de expedición de documentación de españoles (DNI e pasaportes) e permisos de residencia e permanencia de estranxeiros. Para atender a todos os veciños de forma máis eficaz, creáronse unidades de documentación e estranxeiría en diferentes pobobacións, ubicacións que se deciden en función da súa condición de lugares estratéxicos ou cabeceiras de comarcas, e o Concello considera que O Barco de Valdeorras reúne todas as condicións establecidas na normativa para poder contar cunha oficina permanente, coa que se evitarían este tipo de problemas”.

Artigos relacionados

Back to top button