OurenseÚltima hora

Benito Losada foi elixido fillo adoptivo de Ourense, por unanimidade, no pleno municipal de hoxe

A homenaxe a este impulsor da cultura galega e local completarase cunha placa no edificio da Casa da Xuventude, na rúa Celso Emilio Ferreiro
Entrada da Casa da Xuventude, onde se porá a placa en honor a Benito Losada.

O Concello de Ourense nomeou, por unanimidade no pleno ordinario do venres 3 de marzo, fillo adoptivo da cidade a Benito Losada. Para honrar a este antigo director da Casa da Xuventude de Ourense, o consistorio colocará unha placa co seu nome en devandito edificio situado na rúa Celso Emilio Ferreiro.

Con este nomeamento, informan dende a Asociación Proxecto Benito Losada, culmina un proxecto que comezou hai agora catro anos por este organismo “e que contou co apoio de máis de 800 persoas que respaldaron a petición e despois a adhesión á apertura do Expediente de Honra a Benito”.

Benito Losada é recordado na historia de Ourense pola súa acción continuada como impulsor da cultura, da liberdade e da acción colaborativa. Este homenaxe tamén pon en valor o seu labor como “polinizador incansable que soñou mundos mellores e abriu para eles de par en par as portas da Casa da Xuventude de Ourense na que creou nuns casos e impulsou noutros, moitos eventos”, apuntan dende a asociación. Entre eses proxectos destacan, por exemplo, as Xornadas da Banda Deseñada de Ourense, a Bienal de Caricatura, o Concurso de Contos para a Mocidade, o Maio Xove, Diapo Galicia ou o Outono Fotográfico.

Pero Losada tamén ten no seu currículo o seres un dos fundadores do colectivo galego Land Rover de programadores culturais así como da extinta Asociación Fotográfica Ourensá, a empresa Aira de Iniciativas Culturais e o Clube Alexandre Bóveda, entre outras.

Está claro que todo este traballo fai de Benito Losada un referente e consultor de institucións, asociacións e entidades relacionadas coa cultura a nivel local e Galego. Entre as súas calidades persoais, dende a Asociación Proxecto Benito Losada destacan “o seu finísimo sentido do humor. Gran coleccionista de case todo, deixou encargado testamentalmente ao seu fillo o coidado do idioma e da mellor colección: a dos amigos” .

Artigos relacionados

Back to top button