PolíticaÚltima hora

O BNG proporá no Parlamento de Galicia que se abra un PAC no Centro de Saúde de Barbadás

Publicidade
Esta proposta vaise presentar na primeira sesión do 2018 xa que os nacionalistas aseguran que isto “desconxestionaría” o Punto de Atención Continuada da cidade
Serafín Núñez, Noa Presas e Xosé Manuel Fírvida.

O Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada na provincia, Noa Presas, vai presentar unha moción para o primeiro pleno do 2018 na que “solicitaremos que se transforme o Centro de Saúde da Valenzá, en Barbadás, nun Punto de Atención Continuada” (PAC), dixo a deputada nacionalista en rolda de prensa hoxe, 12 de outubro.

Segundo Presas, que estivo acompañada polo tenente de alcalde de Barbadás, Xosé Manuel Fírvida, e o concelleiro de sanidade, Serafín Núñez, esta transformación da infraestrutura sanitaria “permitirá atender 24 horas ao día aos veciños” e tamén “servirá para os veciños das poboacións limítrofes como Toén e San Cibrao das Viñas”.

A deputada por Ourense na cámara galega asegurou que este novo Punto de Atención Continuada “daría servizo a unhas 18.000 persoas”. Presas argumentou que os concellos do interior da provincia “están a perder poboación”, mentres que aqueles que colindan coa capital “tivérona incrementado” e por iso ven necesario este punto de atención de urxencias.

Asemade, tanto Noa Presas como Xosé Manuel Fírvida estiveron de acordo ao aseguraren que isto “vai supor unha mellora nos servizos sanitarios da contorna da cidade”, ademais de servir á “desconxestión sanitaria”, dixeron, da capital e do PAC ubicado na rúa Concello de Ourense.

Por outra banda, Noa Presas tamén anunciou que o grupo nacionalista vai presentar “unha emenda á totalidade” na vindeira sesión plenaria para paralizar a polémica Reforma da Lei Sanitaria aprobada “con premeditación e aleivosía” no último Consello da Xunta, dixo a deputada. Presas asegurou que “non vamos consentir que a zona do Barco sexa un área sanitaria de segunda” e reiterou que “hai que evitar o centralismo da sanidade”.

Artigos relacionados

Back to top button