ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Boa acollida do encontro organizado polo Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego do Barco en San Xoán de Río

 

A Biblioteca Municipal de San Xoán de Río quedou pequena para acoller un encontro de emprendedores organizado polo Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego do Barco de Valdeorras que se celebraba o mércores, 18 de novembro.

Tal como explican dende a organización, malia a intensa choiva, 32 persoas de diferentes idades e procedentes de San Xoán de Río e da súa contorna participaron nunha tarde de conversa, intercambio de ideas e reflexión sobre as oportunidades de emprender no rural.

Durante o encontro dáronse a coñecer os servizos gratuítos de asesoramento do Polo así como as previsións de axudas ao emprendemento para 2027, abríndose un coloquio no que as persoas asistentes puideron compartir as súas experiencias, dúbidas e inquedanzas.

 

 

A xornada contou tamén coa participación de Natalia Andrea Romero, promotora de NODO-HUB, unha cooperativa en proceso de constitución que aposta polo desenvolvemento local a través da conservación dos montes, o turismo rexenerativo, ou comercialización de produtos da zona, entre outras líneas de acción.

A boa acollida da actividade reflicte o “crecente interese por vivir, traballar e emprender en San Xoán de Río, así como a importancia de achegar recursos e acompañamento ás persoas que deciden apostar polo rural”, aseguran dende o Polo, recoñecendo que “unha biblioteca chea nunha tarde de choiva é, sen dúbida, unha fermosa mostra de que no rural galego hai ideas, talento e moitas ganas de construír futuro”.

Fotos cedidas.

Back to top button