
A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento do escritor e profesor Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938 – Vigo, 2026), “figura central da cultura a galega desde a segunda metade do século XX polas súas achegas nos eidos da creación literaria, o xornalismo, os estudos literarios e a filoloxía, e presidente da institución entre 2010 e 2013”. Dotado dun “estilo inconfundible, de alta densidade literaria, a súa obra constitúe un universo moi persoal, no que se mesturan elementos do plano mítico e do real, do existencial e do político”, aseguran dende a RAG, destacando do seu legado literario títulos que xa son grandes clásicos das letras galegas contemporáneas como o poemario Con pólvora e magnolias (1976); e Percival e outras historias (1958), Amor de Artur (1982) ou Arraianos (1991), exemplos da súa especial mestría como autor de relatos curtos.
“Co pasamento de Xosé Luís Méndez Ferrín, Galicia perde unha das súas figuras máis senlleiras e a república das nosas letras unha das súas plumas máis extraordinarias. A súa traxectoria como intelectual é inseparable do seu intenso compromiso político revolucionario, que lle custou varias condenas de cárcere”, destaca o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, na Tribuna de academia.gal. “Nos seus escritos alenta a súa poderosísima imaxinación e a súa ardente paixón polas causas que defendeu (o idioma, a nación, a revolución proletaria). En cada un deles engaiola o seu abraiante dominio do galego, que lle permitiu forxar unha lingua literaria opulenta, luminosa e eficaz. Vaise un dos mellores escritores galegos de todos os tempos, un grande da nosa cultura, un patriano excepcional. Deixa un legado creativo inmorredoiro, que o paso do tempo axigantará”, conclúe Monteagudo.
Tal como contan dende a RAG, os primeiros anos de Xosé Luís Méndez Ferrín transcorreron entre a casa paterna en Vilanova dos Infantes e o domicilio familiar en Ourense, ata que en 1949 se trasladou coa familia a Pontevedra. Tras rematar os estudos medios nesta cidade, en 1955 comezou a carreira de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, onde se integrou na nova xeración galeguista, que tiña como referente a figura de Otero Pedrayo, e coñeceu o círculo de Ramón Piñeiro. Ese mesmo ano proseguiu os estudos de Filoloxía Románica, na especialidade de español en Madrid, onde fundaría o grupo Brais Pinto de acción cultural canda Reimundo Patiño, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Bautista Álvarez e Xosé Fernández Ferreiro, entre outros mozos galeguistas. Rematados os estudos, foi profesor no Colexio Fingoi de Lugo ata que, en 1965, obtivo a cátedra de Lingua e Literatura Española no Instituto Santa Irene de Vigo, onde exerceu e viviu deica a xubilación.

Narrativa
Recoñecido sobre todo polos seus libros de poesía e relatos, Méndez Ferrín é tamén cultivador doutros xéneros como a novela, o teatro, o artigo xornalístico, o ensaio filolóxico e a historiografía literaria. A súa obra foi traducida a diversas linguas e levada ao cine: en 1974 Eloy Lozano filmou Retorno a Tagen Ata, e en 2022 Ángeles Huerta filmou O corpo aberto, inspirándose nun relato de Arraianos.
No campo da narrativa, o libro Percival e outras historias (1958) inaugura o prestixio dun novísimo Ferrín como mestre da narración curta, e amosa algúns dos seus recursos permanentes, como a recreación imaxinativa da materia de Bretaña. Incluído pola crítica na chamada Nova Narrativa Galega, canda Gonzalo Mourullo, María Xosé Queizán e Camilo Gonsar, practicou en obras posteriores técnicas de distanciamento e obxectivistas que remiten ao Nouveau Roman, en libros como O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964) e Elipsis e outras sombras (1974)
Nunha xeira diferente, Retorno a Tagen Ata (1971) —escrita na cadea— é unha novela de política-ficción que presenta, a través da alegoría, o enfrontamento entre o novo nacionalismo nacido nos anos sesenta e o galeguismo máis tradicional. A novela longa Bretaña Esmeraldina (1987) ofrece unha narración carceraria en modo epistolar que relata, con elementos do mito e do imaxinario, a loita pola liberación de Tagen Ata. Na mesma liña, Crónica de Nós (1980) recolle un feixe de relatos sobre temas amorosos e políticos.
Os relatos de Amor de Artur (1982) constitúen un regreso do autor ao universo simbólico e mítico da materia de Bretaña; mentres que os contos de Arraianos (1991), situados na fronteira entre Ourense e Portugal, van desde o terror ata o histórico e o etnográfico. A novela No ventre do silencio (1999) mergúllase na atmosfera abafante de Santiago de Compostela da década de 50. Entre outros títulos, Ferrín é ademais autor da obra teatral Celtas sen filtro (1983) e da narración Arnoia, Arnoia (1985), dirixida ao público máis novo.

Poesía, estudos literarios e comunicación
No eido da poesía, o seu primeiro libro, Voce na néboa (1957), é unha obra de mocidade que reflicte algúns dos trazos que serían constantes na súa escrita —o recurso ao simbolismo, a presenza alegórica da materia de Bretaña, a onomástica ficticia— para expresar temas de pesimismo existencial. Despois chegarían Antoloxía popular (1972), poemario de carácter político, cun estilo de alta esixencia literaria, que asinou co heterónimo Heriberto Bens; e Sirventés pola destrución de Occitania (1975), onde propón unha pescuda na historia das nacións oprimidas a través dun texto inzado de referencias culturais. Estas dúas obras apareceron recollidas máis tarde en Poesía enteira de Heriberto Bens (1980).
A súa consagración como poeta chegaría coas páxinas de Con pólvora e magnolias (1976). “Este libro sinala un antes e un despois na evolución da poesía galega dos últimos cincuenta anos”, lembra Henrique Monteagudo. A estes versos, nos que Ferrín superou pola vía da exuberancia literaria a pobreza estilística imposta pola estética social-realista hexemónica naquela altura, seguiríanlles os d’O fin dun canto (1982), nos que afondou nas materias do político, da memoria e do amoroso cunha dicción barroca de ton elexíaco. En Estirpe (1994) presentou un feixe de poemas que ofrecen un canto á nación e ao proletariado a través do mito; e en Contra Maquieiro (2005) achegou unha narración épica do século XX. Outros libros de poesía da súa autoría son Erótica (1992), O outro (2002) e Era na selva de Esm (2005).
Alén da creación literaria, Méndez Ferrín foi tamén un estudoso da literatura, e realizou, entre outras achegas, unha edición crítica das cantigas do xograr Pero Meogo e o ensaio de historiografía literaria De Pondal a Novoneyra (1984). Asiduo escritor na prensa, publicou en medios como Litoral, La Noche, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra o La Hoja del Lunes, en ocasións co pseudónimo Dosinda Areses. Foi así mesmo un dos fundadores e primeiro director da revista de pensamento crítico galego A Trabe de Ouro (1990).

Xosé Luís Méndez Ferrín foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1961 a 1967 e ingresou como numerario no ano 2000 co discurso “A poesía galega vista desde os relanzos derradeiros do século XX”. En 2010 foi elixido presidente da institución, cargo de que dimitiu en 2013 no medio dunha ruidosa polémica, presentando ao mesmo tempo a renuncia á súa praza como académico numerario.
Ao longo da súa traxectoria, colleitou numerosos premios, como o da Crítica (1976) por Con pólvora e magnolias; o Celanova, Casa dos Poetas (1985); o Pedrón de Ouro (1987); o da Crítica de Galicia por Bretaña, Esmeraldina (1988); os Losada Diéguez e da Crítica de narrativa galega de 1991 por Arraianos; o da Crítica de poesía galega por Estirpe (1994), que tamén mereceu o Losada Diéguez de 1995; os Eixo Atlántico e da Crítica de narrativa galega de 1999 por No ventre do silencio; o Roberto Blanco Torres de xornalismo (2000); o Trasalba (2001); o Losada Diéguez por Contra Maquieiro (2006), o Nacional de Literatura (2008), o Fernández Latorre de xornalismo (2008); o premio Otero Pedrayo (2012); o Brais Pinto (2013); o Laxeiro (2018); o Facho de Ouro (2019); o Rebulir (2022) e o Xavier Pardo Lameiro (2022). Tamén foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo (1999) e distinguido como Arraiano Maior (2009); e mais entrou na Lista de honra do IBBY por Arnoia, Arnoia (1988). Este mesmo ano foi merecente do Premio Carlos Casares de xornalismo literario, o derradeiro recoñecemento que recibiu en vida.
