OurenseÚltima hora

Bota a andar o II Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil en Ourense

Desenvolverase até o 9 de novembro no campus de As Lagoas baixo o lema “Música e poesía dende a primeira infancia”
Un momento da charla inaugural do ciclo, hoxe, no Campus de As Lagoas.
Un momento da charla inaugural do ciclo, hoxe, no Campus de As Lagoas.

O Campus de As Lagoas, en Ourense, foi o escenario elixido para inaugurar a segunda edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, unha iniciativa que este ano se desenvolverá até o 9 de novembro baixo o lema “Música e poesía dende a primeira infancia”. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, estivo presente no acto de apertura, onde destacou a devandita programación coma “unha porta de entrada ao mundo e tamén á lingua galega”. Tamén estivo Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, e as profesoras da propia facultade, Isabel Mociño e Susa Herrera. Así mesmo, acudiu Cesáreo Sánchez, como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), ente organizador do ciclo.

A iniciativa busca dar a coñecer estratexias, recursos e ferramentas para achegar a poesía e a música a nenos e adolescentes, así como divulgar experiencias e producións de literatura infantil e xuvenil galega da man dos mesmos creadores. Tamén se busca poñer en valor o papel do profesorado e da escola como axentes dinamizadores, progamadores e normalizadores culturais.

En canto á programación, a primeira sesión tivo lugar hoxe mesmo e foi impartida por Montse Rivera. As vindeiras citas serán o día 11, co poeta Antonio García Teijeiro e o 19, cunha conferencia de Uxía que tratará a música e os proxectos poético-musicais para a infancia. O día 26 será a quenda de Elvira Riveiro, que falará da experimentación poética para a infancia e a adolescencia. E xa no mes de novembro, as charlas serán o día 2, a cargo de Fran Alonso, e o día 9 coa mestra Susa Herrera. Todas as sesións comezarán ás 17 horas.

Artigos relacionados

Back to top button