En portadaEntrevistasÚltima hora

Brais Meco: “O que quero é xogar e aportar o máximo que poida para mellorar o equipo”

Este futbolista valdeorrés natural de Petín vén de debutar co Club Lemos de Monforte

 

Ultimamente fálase del polo seu debut no Club Lemos, o equipo de fútbol de Monforte que intentará loitar polo ascenso, pero a relación de Brais López Baptista, máis coñecido como Brais Meco, vén dende que era un neno ben pequeniño, xogando no seu pobo, Petín. Primeiro no fútbol sala e xa máis tarde no fútbol, no que leva boa parte dos seus 28 anos, xogando en varios equipos da comarca de Valdeorras e en Monforte onde comezaba sendo alevín, seguindo a estela do seu irmán.

¿Cando e onde empezache a xogar ao fútbol?

Dende que teño uso de razón sempre xoguei co balón. Empecei de pequeniño en Petín con Rafael, nos torneos das festas e tamén nos levaba a Vilamartín e ao Barco… Despois xa entrei nas Escolas Deportivas Municipais da Rúa xogando ao fútbol sala. Ademais o meu pai montou un equipo de fútbol sala e xoguei con el na liga que había na zona e tamén iamos a torneos a Cubillos, Ponferrada,… Mais tarde, cando ficharon ao meu irmán en Monforte no Calasanciom moitas veces ía con el e co meu pai a velo adestrar ata que un día me ofreceron a min adestrar no equipo alevín (fútbol 7) e despois duns días fixéronme ficha. Alí foi onde empecei realmente a xogar a fútbol.

 

Brais Meco sendo aínda un neno.

 

Despois diso pasache por moitos equipos…

No Calasancio estiven moitos anos nas diferentes categorías (alevín, infantil, cadete e xuvenil) ata o último ano de xuvenil que volvín á Rúa a xogar cos amigos. Ese ano co Rúa ganamos a Copa, ascendimos co equipo sénior a 1ª Rexional e decidín ir probar ao Barco que xogaba en Preferente con Javier Rey de adestrador, onde estiven catro anos (2 en Preferente e outros 2 en Terceira División). De aí chamoume un antigo compañeiro do Lemos porque quería montar un equipo con xente que xogara en Monforte de pequena, porque ese ano non tiñan xogadores e o equipo case desaparece estando en 1ª Rexional. Tanto os compañeiros como o adestrador e o xogo convencéronme e decididme a ir para alí ata que dous anos despois ascendimos a Preferente, categoría na que estivemos dous anos máis ata que chegou a pandemia e non volvín porque cambiaron de adestrador e non contou comigo. Volvín para o Rúa o ano pasado estando a piques de ascender a Primeira e xa nesta tempada volvín empezar co CD Rúa ata que me chegou outra oferta do Lemos e volvín para alí.

¿Que foi o que te animou a volver a Monforte?

Volveron cambiar de adestrador, colleu o equipo un rapaz que tamén xogara comigo e que me coñecía, estaba interesado en min e quería contar comigo e como vin que estaban bastante mal de xente e non comezaron moi ben decidín volver a ver se cambiabamos o rumbo. Comecei hai dúas fins de semana e a estrea a verdade é que foi moi ben porque xogamos contra un equipo que vai arriba na táboa, candidato ao ascenso, e ninguén pensou que nós dariamos a campanada pero corrimos, xogamos bastante ben e conseguimos ganar co cal nos levantou bastante a moral.

 

Brais Meco (primeiro pola dereita) nunha das súas etapas no CD Rúa.

 

¿Que obxectivo te marcas para esta tempada?

Aportar o que poida e intentar cambiar a situación. Xunto a min ficharon a outro compañeiro bastante bo e intentaremos darlle unha volta porque o Lemos é un equipo bastante grande que debería estar loitando por ascender a Terceira e iso é o que intentaremos facer.

¿Cal á a túa posición no campo?

Adoito xogar de medio pero tamén teño xogado de extremo, de media punta,… onde me poña o adestrador, eu adáptome. O que quero é xogar e aportar o máximo que poida para mellorar o equipo así que me adapto a todo. Gústame xogar ben co balón e corro, ás veces parezo incansable… E agora, despois de tantos anos no fútbol síntome un veterano, co cal dou un plus de experiencia, calidade e tranquilidade. Esfórzome e son moi competitivo, non me conformo con nada e iso sempre fará crecer a quen teña ao lado.

 

Cos xuvenís do CD Barco.

 

Texto: Mónica G. Bellver.
Fotos: cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button