EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Brinde de Nadal da D.O. Valdeorras tras unha reunión do pleno, que acorda celebrar en xuño a Feira do Viño

Así a 25ª edición deste certame celebrarase na fin de semana do 8 e 9 de xuño

Brindis de Nadal tras o pleno do CRDO Valdeorras.

 

O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, reunido esta mañá, daba o seu visto bo á participación do organismo na Feira Vinexpo, unha das máis relevantes de Europa, que se celebrará en París entre o 12 e o 14 de febreiro.

O Consello Regulador acudirá a esta feira baixo o paraugas da Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga) constituída ao abeiro dun convenio entre as diferentes denominacións de orixe vitivinícolas galegas e a de augardentes e licores e o Igape.

Deste xeito, a promoción dos viños que se realice en París será conxunta coa doutros territorios amparados galegos e apoiada pola Xunta de Galicia, se ben o espazo expositivo común no salón parisino contará con corners específicos para cada un dos consellos reguladores. O prazo para as adegas da comarca interesadas en participar na feira poidan enviar os seus viños ao Consello Regulador permanecerá aberto ata mediados de xaneiro.

Doutra banda, o pleno do organismo aprobou a celebración da que será a XXV Feira do Viño de Valdeorras no mes de xuño. En concreto, as datas elixidas son o días 8 e 9.

Intensificación da promoción

“A xuntanza plenaria de hoxe evidencia que un dos obxectivos fundamentais do organismo para 2024 vai ser o da intensificación da promoción dos nosos viños e adegas. Á potente campaña que acabamos de presentar, hai poucas semanas, sumarase a nosa presenza en diferentes foros nacionais e internacionais para seguir dando a coñecer os brancos e tintos da nosa comarca entre novos públicos”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.

“Tamén será moi especial a Feira do Viño de Valdeorras o ano que vén, posto que o foro acada o seu 25 aniversario e isto merece ser celebrado dun xeito especial, cunha coidada planificación de actividades que iremos comunicando paseniñamente”, conclúe o máximo responsable da D.O.

Artigos relacionados

Back to top button