PolíticaÚltima hora

Caballero: “É necesario que a Xunta rectifique na súa política de recortes na sanidade pública e na educación”

O secretario xeral do PSdeG iniciaba no Barco unha visita á comarca de Valdeorras neste xoves

 

Destacando a importancia dos concellos galegos “nesta etapa de pandemia e tamén de reactivación” iniciaba o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, a súa visita a Valdeorras cunha xornada de traballo que se iniciaba no Barco, onde era recibido na praza do Concello polo seu alcalde, Alfredo García; así como polos rexedores socialistas de Vilamartín e Petín, ademais de por deputados galegos e senadores como o tamén valdeorrés Miguel Bautista, así como polo secretario provincial do partido, entre outras persoas.

“Hoxe é un día máis para que confraternicemos, para que falemos de todos os temas que hai pendentes e para que entre todos sexamos quen de, arrimando o ombro, conseguir o seu arranxo”, aseguraba o alcalde do Barco ao darlle á benvida a Gonzalo Caballero.

Seguidamente, o secretario xeral do PSdeG tomaba a palabra e manifestaba que “os concellos galegos teñen que xogar un papel fundamental para impulsar a recuperación en Galicia, e a Xunta ten que buscar nos concellos aliados para defender, para apoiar, para impulsar a unha Galicia que necesita servizos públicos, emprego e reactivación económica. E, nesta visita ao Barco, quería en primeiro lugar poñer en valor ese traballo que fan os alcaldes e alcaldesas socialistas en tantos lugares de Galicia sempre coa prioridade posta nas persoas”.

Ademais o líder dos socialistas galegos facía esta afirmación nun “2021 que é o ano da vacinación, que é a base para a reactivación economica social e cultural. Temos que seguir a carón da estratexia marcada polo Goberno de España, coa UE, coa ciencia, cos profesionais sanitarios para manter o ritmo de vacinación que está permitindo que España sexa un país de referencia neste ámbito e que así sentemos tamén as bases para a reactivación económica e social ao longo dos próximos trimestres”.

 

 

Caballero asegura tamén que neste 2021 o goberno galego “vai recibir 828 millóns de euros dende o goberno español para fortalecer a sanidade pública, a educación pública e os servizos sociais, por iso temos que dicirlle á Xunta que destine eses fondos a fortalecer os servizos públicos, que dea máis fondos aos concellos. Isto é importante en cada lugar de Galicia, e tamén aquí en Valdeorras, porque á hora de darlle forza e visibilidade a toda esta bisbarra os alcaldes e alcaldesas son a mellor referencia para impulsar o futuro. É importante darlle fondos aos concellos dende un goberno da Xunta que ten máis fondos que nunca, pero que en cambio escatima e recorta os fondos ao municipalismo, que é o que resolve as cuestións do día a día”.

Neste senso, o secretario xeral do PSdeG tamén se refería ao inminente inicio do curso académico, indicando que “non pode ser que Feijóo vaia volver das vacacións para despedir a mil profesores de reforzo, que foron contratados neste curso 2020/21 e que agora en setembro a Xunta quere poñer nas rúas a pesares de que vai recibir 828 millóns de euros para fortalecer a sanidade e a educación pública. É fundamental fortalecer os servizos públicos porque en momentos de reactivación o estado de benestar é a mellor garantía para que ninguén quede atrás”.

 

 

Finalmente, Caballero facía fincapé na necesidade de fortalecer a sanidade pública, “e dicímolo un verán no que vemos que hai tantos problemas nela, aquí en Valdeorras, onde hai que seguir demandando á Xunta que rectifique na súa estratexia de desamentelamento de servizos sanitarios nun hospital de referencia para esta área sanitaria. Non pode ser que haxa que esperar tantos días para conseguir unha cita en atención primaria, non pode ser que a Xunta queira converter a medicina en atención telefónica e non pode ser que se recorten os servizos hospitalarios deste hospital e que veciños do Barco e de Valdeorras teñan que ir a Ourense para tantos servizos que deberían estar sendo prestados aquí en Valdeorras”.

Por iso, insistía Gonzalo Caballero, “é necesario que a Xunta rectifique nas súas políticas de recortes na educación e na sanidade pública e o PSdeG terá sempre a man tendida para un gran acordo de país que permita fortalecer a sanidade pública, a educación pública e os servizos sociais. Se hai máis fondos que nunca na Xunta non pode se que un goberno ineficaz, incapaz de xestionar e con falla de compromiso nos servizos públicos lle reste dereitos aos galegos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button