Despois da boa acollida de “Voaxa e Carmín”, a compañía ButacaZero volta ao Teatro Lauro Olmo do Barco cun novo espectáculo: #camiños. Trátase dunha proposta coproducida polo CDG e que fala da identidade galega dende a perspectiva do século XXI. Representarase este 26 de abril ás 21h.
“A peza aborda o tema identidade galega dende unha perspectiva millenial, mesturando o teatro físico co bufón, as coreografías co teatro textual, o playback coa pasarela de moda nun aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente”, segundo se informa dende a Concellería de Cultura do Barco.
Dentro da obra o público poderá desfrutar en directo das Churrascas, que precisamente fan parte da escenificación. O videoclip do seu primeiro Hit: “Adios Ríos Adiós Fontes”, que versiona con música electrónica o famoso poema de Rosalía e non deixa de subir en número de visitas.
Neste espectáculo “moi físico” Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira volven xuntarse. Nel a propia Carrodeguas está tamén en escena, acompañada de Noelia Blanco, Celina Fernández Ponte, Pía Nicoletti e Noa Covelo.