
Naceu o 31 de xaneiro (Día Internacional do Mago), vinte anos despois da morte do seu tío, o lexendario Conde de Waldemar, o galego que foi rei de magos e mago de reis, co cal estaba escrito que ía ser mago.
Marcos Waldemar (natural de Portomarín, Lugo e residente na Coruña) que co seu apelido artístico rende homenaxe ao seu antepasado, fai maxia dende antes de ter recordos. “Hai vídeos nos que se me vei con 2-3 anos facendo cousas e xa con 3-4 recordo escoitar histoiras do meu tío artista en casa e pensaba, teño que ser mago”. Unha paixón que o levou a converterse nun dos ilusionistas con maior proxección internacional do país, recoñecido por crear maxia para os mellores magos e produtoras do mundo e tamén polas súas aparicións televisivas, a máis recente como finalista de Got Talent.
“Levo dende os 14 anos creando maxia para outros magos, moi inluenciado polo Mago Antón, un dos mellores creativos de España, e nun momento decidín dar o paso de facer a maxia que eu creo”, di Marcos. Así nace Inherente, un espectáculo familiar, co que leva dous anos xirando por EE.UU. dende Miami ata Las Vegas e por diferentes partes de España e que agora trae a Galicia para comezar unha nova xira en casa. “Na Coruña estivo meses nun local con aforo limitado e como sempre estaba cheo decidimos sacalo aos teatros”, asegura, presentando a xira que comezará no Barco de Valdeorras para despois continuar polo resto de vilas de máis de 10.000 habitantes.
“É a primeira vez que veño ao Barco e vou sorprender. O público verá maxia que nunca se viu, unha mosca que vén voando atopa unha carta e marcha; maxia cos olores; e se hai sorte ata pode que ata neve no teatro… Pode que guste ou non pero sorprendido quedará seguro”, di o mago, explicando que Inherente “é un xogo onde o ilusionismo, o teatro e a comedia se xuntan para contar unha historia”, a súa propia historia.
É un xogo do que desfrutan tanto nenos como maiores. “Obviamente a partir dos 8-9 anos entenderán máis partes da historia pero os máis pequenos tamén o desfrutan”, asegura Marcos, destacando que neste espectáculo cada xogo ten unha emoción distinta. “Nun vas rir moito, noutro haberá tensión, noutros nostalxia… co cal hai para todos os gustos. É algo que estou seguro de que non viron nunca, algo único e creo que paga a pena”, asegura.
A cita con este “show de maxia (uni)Persoal de Marcos Waldemar” será este venres, 14 de marzo, ás 20 horas no Teatro Lauro Olmo.
Fotos: Mónica G. Bellver.