OurenseÚltima hora

Campaña de vixilancia do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil por parte da DXT e da Garda Civil de Tráfico

As Policías Locais do Barco de Valdeorras e de Ourense comunicaron tamén a súa adhesión a esta campaña, segundo informa a Subdelegación do Goberno

Imaxe da presentación desta campaña./ Foto cedida.

 

Dende este luns, 8 de marzo, ata o domingo 14 de marzo desenvolverase unha campaña de vixilancia e control do uso do uso de cintos de seguridade e de sistemas de retención infantil, poar parte da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e a Garda Civil de Tráfico.

Durante esta semana os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que tanto o condutor como os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Así mesmo, constatarán que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.

O subdelegado do Goberno resaltou a importancia de empregar o cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, cuxa eficacia depende da adecuada concienciación e responsabilidade dos condutores. “Queremos facer un fincapé especial na nosa provincia aproveitando o inicio desta campaña, posto que durante o ano 2020 e o que levamos de 2021 cinco dos sete condutores de turismo ou furgoneta falecidos non facían uso do cinto de seguridade. As estatísticas dinnos que o risco de morte en caso de accidente redúcese nun 50% se se fai uso deste elemento de seguridade, porcentaxe que aumenta ao 77% no caso de envorcar o vehículo. Por iso, é importante facer un chamamento á cidadanía para que non se esqueza de empregar o cinto de seguridade de maneira correcta en todo tipo de vías, en estrada e en cidade”, detallou o subdelegado do Goberno. “No caso dos sistemas de retención infantil é preciso salientar que un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves”.

 

 

O xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente, sinalou que “o cinto de seguridade é un seguro de vida, sendo obrigatorio o seu uso en estrada en España dende o ano 1974 e en vías urbanas e nas prazas traseiras do vehículo dende o ano 1992”. Así mesmo, indicou que as Policías Locais de Ourense e de O Barco de Valdeorras comunicaron a súa adhesión a esta campaña, dada a relevancia de que os condutores adquiran o hábito de empregar este elemento de seguridade tamén no entorno urbano.

A sanción por non usar o cinto de seguridade ascende a 200 euros e leva aparellada a retirada de tres puntos do permiso de condución, aínda que a próxima reforma da Lei de Tráfico incrementará a catro puntos a sanción por cometer esta infracción.

Artigos relacionados

Back to top button