DeportesÚltima hora

O Campionato Galego de Doma Clásica trae a máis de cen xinetes a Vilamarín

A proba celebrarase entre os días 21 e 23 de xullo e máis do 45% dos participantes son da provincia
Presentación campionato de doma clásica.

O XVIII Campionato Galego de Doma Clásica traerá á Escola de Equitación de Vilamarín a máis dun cento de xinetes e amazonas de toda Galicia e Castela e León entre os días 21 e 23 de xullo. E nestas xornadas tamén se vai celebrar unha proba nacional de menores, a partir de 9 anos, puntuable para o Campionato de España.

Así o anunciaron hoxe, 19 de xullo, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, canda ao presidente do Club Hípico Vilamarín, José Luis Lema; o vogal de doma clásica da Federación Galega de Hípica, Jorge Vázquez, e o presidente da Asociación empresarial de actividades ecuestres de Ourense, José Manuel Díaz.

Baltar destacou que este evento “sitúa a Ourense no centro da doma clásica en Galicia”. Pola súa banda, o presidente da Asociación empresarial de actividades ecuestres de Ourense destacou a importancia económica desta actividade deportiva, “polo que supón de ocupación de prazas hoteleiras de deportistas e acompañantes la capital ourensá e na contorna de Vilamarín, visitantes que proceden das outras provincias galegas, Castela e León e o norte de Portugal”, afirmou José Manuel Díaz.

Jorge Vázquez destacou a calidade das instalacións hípicas de Vilamarín, “homologadas e en condicións óptimas para o desenvolvemento desta proba”.

Actualmente, segundo fontes da Deputación, Ourense conta con 350 licenzas federativas hípicas e preto de 1.800 afeccionados a esta disciplina deportiva. No campionato que se disputa a vindeira fin de semana, aseguran dende o Goberno provincial, o 45% dos participantes son orixinarios da provincia, e nas probas por equipos a provincia é a que máis integrantes achega, con 8 equipos.

Artigos relacionados

Back to top button