OurenseÚltima hora

Menor presenta no Parlamento galego as liñas do orzamento 2024 da Deputación de Ourense, con 96 millóns de euros

O presidente provincial comparecía na Comisión 3ª para explicar as elementos principais do plan económico para o próximo ano, marcado polo novo modelo de financiamento que porá a disposición das entidades locais case 14 millóns de euros

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, comparecía esta tarde na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas xerais do orzamento da institución provincial, que en 2024 elevarase a 96 millóns de euros.Un documento económico cuxa principal novidade, afirmou, “radica sen ningún xénero de dúbida no extraordinario reforzo que vai experimentar a cooperación cos concellos”, en referencia ao plan CooperOU, o novo modelo de financiamento presentado esta mesma semana e que xira en torno a catro claves: a contía do financiamento, os criterios de repartición, a autonomía municipal no uso dos recursos e a simplificación administrativa.

“Unha iniciativa demandada por alcaldes e alcaldesas de todo signo”, dixo Luis Menor, que explicou aos membros da comisión as catro claves nas que se articula o novo plan de cooperación. Por unha banda a contía do financiamento, con 13,9 millóns de euros (duplicando os sete actuais), aumentando a partida en 1 millón de euros anuais ata chegar ao remate do mandato cun orzamento de 17 millóns. En segundo lugar citou a repartición dos recursos, en base aos criterios obxectivos propostos pola FEGAMP, cunha parte fixa en catro tramos segundo o número de habitantes de cada concello, con 8,9 millóns de euros, e outra parte variable dotada con 5 millóns de euros, que se reparten en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).

As outras dúas claves son a autonomía municipal, pois o destino dos recursos será flexible pero cun mínimo en investimentos, e a simplificación administrativa pola redución da carga burocrática á hora de tramitar un elevado número de subvencións.

Sen detallar polo miúdo a proposta económica que se presentará ao pleno da corporación provincial do 24 de novembro -“pois aínda estamos deseñando un orzamento absolutamente novo para un novo Goberno”-, Luis Menor apuntou que as previsións para o próximo ano establecen un aumento do orzamento do 5 %, alcanzado así “a contía máis elevada na historia desta Deputación”.

Apoio ao sector primario e para dinamización do rural

O presidente da Deputación apuntou na súa intervención algunhas das claves de goberno que rexerán nos orzamentos do próximo ano, como o maior apoio ao sector primario “cunha importante achega para as comunidades de regantes da Limia, que podería ser de 1 millón de euros, como axuda para o desenvolvemento do plan de modernización do regadío da principal comarca agrogandeira da provincia”, plan que executan o Goberno central e a Xunta de Galicia pero que no que tamén os agricultores teñen que facer a súa aportación.

Nun territorio rural como Ourense, subliñou Luis Menor, os seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) existentes na provincia “verán reforzado o apoio da Deputación, a primeira institución provincial galega en integrarse como socia nas asembleas dunhas entidades que xestionan fondos europeos para programas de dinamización local”.

Dobre de prazas para o “Termalismo contra a soidade non desexada”

“O turismo é un sector estratéxico para todas as administracións, pero nós temos un factor de singularidade que nos fai únicos: o termalismo”, dixo o presidente provincial afirmando que o ámbito termal terá un “peso notable” nos orzamentos, tanto na vertente turística como de benestar. Na primeira e xunto coas campañas de promoción destacou iniciativas como a recentemente constituída Mesa Termal para impulsar novos balnearios e mellorar os existentes, coa participación da Deputación, a Xunta e a Confederación do Miño-Sil, ademais da próxima invitación que se trasladará á Universidade de Vigo para participar na mesa.

No que respecta ao termalismo do benestar e da saúde, en 2024 a Deputación duplicará o número de beneficiarios do programa de “Termalismo contra a soidade non desexada”, pasando de 77 prazas a máis de 150, duplicando tamén o número balnearios nos que se desenvolve este plan, que serán xa catro, e aumentando ata dez o número de concellos directamente beneficiados. Ao remate do mandato, en 2027, agárdase que sexan máis de 500 as persoas maiores “con acceso aos balnearios como recurso idóneo de saúde física e emocional”.

Fomento do emprendemento

O fomento do emprego é outra das claves do plan económico no que traballa o equipo de goberno de Luis Menor. O próximo ano, adiantou, terá continuidade o programa EmprendOU “desta volta dotado con fondos propios para darlle unha resposta aos emprendedores que inicien o seu proxecto nos concellos máis pequenos da provincia”. O programa EmprendOU, para o fomento do emprendemento entre a mocidade do rural, foi proposto como exemplo de “Boas Prácticas” a nivel español no marco do Fondo Social Europeo tras avaliar os resultados obtidos: máis de 1 millón de euros en axudas concedidas a 154 proxectos impulsados pola mocidade ourensá en 58 municipios, con máis do 50 % das iniciativas lideradas por mulleres.

 

 

 

Financiamento empresarial

Menor avanzou dúas medidas no ámbito da cooperación empresarial. Por unha banda manterase o acordo de colaboración con Sogarpo, polo que a Deputación bonifica ás empresas os custes que requiran da garantía desta sociedade. Así destinaranse 500.000 euros a esta iniciativa, promovendo a actividade económica das pemes situadas na provincia de Ourense e facilitando o seu acceso a financiamento. Ata o momento este acordo permitiu conceder 68 avais a empresas mediante a achega da Deputación, consumindo xa 365.000 euros dos 500.000 euros dispostos tamén no presente exercicio.

A segunda medida refírese a unha partida de 200.000 euros para contribuír á construción dun estacionamento seguro para transportistas, que estará situado na Cidade do Transporte ao carón do polígono industrial de San Cibrao das Viñas. Un proxecto que se fará en colaboración coa Xunta de Galicia e tamén cos propios empresarios.

Rede provincial de estradas

O capítulo de infraestruturas tamén experimentará un notable aumento, principalmente as vías provinciais cunha rede de preto de 1.850 quilómetros. Nos próximos orzamentos a Deputación realizará un importante esforzo de mantemento e reparación da rede de estradas provinciais, que duplicará a súa asignación actual.

Captación de máis fondos europeos

Luis Menor tamén se referiu aos fondos europeos, “que seguirán na axenda do noso Goberno, traballando para captar o maior número de recursos. Como ata agora: máis de 9,7 millóns de euros en proxectos europeos”.

Neste apartado destacou o proxecto “OU-Intelixente”, o programa máis ambicioso e con maior dotación económica, 7,75 millóns de euros, aprobado polo Goberno central no marco da primeira convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga. Un proxecto presentado pola Deputación a través da empresa mixta AquaOurense (formada pola propia institución provincial e Viaqua), para aplicar en 83 entidades locais as últimas tecnoloxías ao tratamento e control dun recurso básico e estratéxico como é a auga.

Para poñer en marcha esta iniciativa, cualificada como a segunda mellor proposta de España e primeira de Galicia, os orzamentos de 2024 incluirán un investimento de 2,5 millóns. Será unha primeira anualidade ata completar con fondos propios os 5,75 millóns de euros restantes do financiamento total do plan, que se eleva a máis de 12 millóns de euros.

Os deportes, con máis investimentos ligados á creación de infraestruturas deportivas en convenio coa Xunta de Galicia, ou o mantemento da achega da Deputación para garantir o apoio “a unha das manifestacións culturais máis importantes de Ourense, como é o Ourense Film Festival”, foron outros dos apuntamentos realizados por Luis Menor no adianto dos orzamentos de 2024.

Modificación de créditos de 10,2 millóns de euros

O presidente rematou a súa intervención lembrando “dous momentos históricos para a nosa Deputación”: a aprobación, sen ningún voto en contra, dunha modificación de crédito por importe de 10,2 millóns de euros e con achegas para o 100 % dos concellos da provincia, e a cancelación do único préstamo que mantiña a Deputación con entidades financeiras, alcanzando así definitivamente a débeda “cero”.

Artigos relacionados

Back to top button