SanidadeÚltima hora

Os alcaldes do PAC de Castro Caldelas reúnense co presidente do COFO para buscar vías de solución ás gardas das farmacias na zona

Reunión dos alcaldes da área do PAC de Castro Caldelas co presidente do COFO./ Cedida.

 

Os cinco alcaldes da área de referencia do Punto de Atención Continuada (PAC) de Castro Caldelas mantiñan neste venres 22 de decembro unha xuntanza co presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense (COFO), Santiago Leis. En concreto asistían os alcaldes de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; da Teixeira, Xosé Vázquez; de Montederramo, Óscar Diéguez; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e o concelleiro de Chandrexa de Queixa, Juan Luis Lamas.

“Tratouse a situación para buscar unha vía de solución que alivie a carga de traballo de 24 horas da Farmacia de Castro Caldelas e, á vez, permita manter os servizos dos que dispoñemos neste momento”, explican os rexedores nun comunicado conxunto, indicando ademais que “solicitamos á Consellería axuda para que a solución non prexudique a esta zona rural e, por ende, aos cidadáns dos cinco concellos. Namentres, a situación das gardas mantense tal e como estivo funcionando ata agora”.

Ao repecto desta reunión, dende o COFO explican que o seu presidente reuniuse cos rexedores da zona para “establecer unha primeira toma de contacto de cara a buscar solucións que permitan aliviar a carga de traballo da farmacia de Castro Caldelas, en garda permanente, sen menoscabar a atención farmacéutica aos veciños da comarca”. Así mesmo, fontes do Colexio sinalan que lle corresponde á entidade buscar esas solucións e tentarán procuralas “con diálogo e consenso, contando coa opinión das forzas vivas da zona”.

Artigos relacionados

Back to top button