ConcellosEn portadaÚltima hora

O Club Montañas de Trevinca reúnese cos grupos do Parlamento galego para tratar a declaración de parque natural do macizo

Imaxe: Club Montañas de Trevinca.

 

Ao longo das últimas semanas representantes do Club de Montañismo Montañas de Trevinca vén mantendo diversas reunións nas dependencias do Pazo do Hórreo en Santiago de Compostela cos diferentes representantes públicos do Parlamento de Galicia (PP, BNG e PSdeG-PSOE)  para expoñer “en detalle as razóns polas que os cumes máis altos de Galicia deberían estar protexidas canto antes non só como o referente estatal que son polos seus demostrados valores ambientais, senón por tratarse dun recurso territorial que a nivel de turismo sostible pode supoñer un factor para o desenvolvemento económico e o sostemento e avance desta zona do rural ourensán. Hai algo máis de 50 anos -exactamente a principios da década de 1970-, desde o Goberno Central propúxose a creación do Parque Natural dos Montes de Peña Trevinca a través do Plan Director Territorial de Coordinación de Galicia, opción que non foi considerada en 1981 tras a creación da Xunta a diferenza do acaecido na vertente zamorana do macizo, que xa se constituíu como o Parque Natural do Lago de Sanabria en 1978”, tal e como vén de facer público a entidade deportiva.

Neste senso, o Club de Montañismo Montañas de Trevinca considera que “as razóns que no seu momento puidesen existir por parte da Administración autonómica para a non declaración da área como parque natural non concorren actualmente, motivo polo cal o macizo no seu parte galega ten a denominación de ZEC (Zona de Especial Conservación) desde o ano 2014 e ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) desde o ano 2008. A realidade é que a día de hoxe si existen sobradas xustificacións ambientais, culturais e económicas para recuperar a iniciativa do que fai cinco décadas non puido ser, pero agora con todo si debese ser considerado como o “Parque Natural das Montañas de Trevinca”, extensión consecuente, lóxica e transfronteiriza do veciño Parque Natural do Lago de Sanabria”.

Ademais esta entidade de montaña quere agradecer o “interese e atención mostrado nas distintas reunións mantidas polos representantes de PPdeG, BNG e PSdeG-PSOE ante os que se expuxeron diversos aspectos da proposta “tratando en detalle desde os valores ambientais que atesoura a zona implicada como as indubidables vantaxes que para o desenvolvemento económico local, provincial e galego podería achegar a declaración do que sería o sétimo parque natural de Galicia.”

Deste xeito, o primeiro paso está dado por esta entidade, cuxa directiva se mostra totalmente convencida de que “máis pronto que tarde as montañas de Trevinca ocuparán por dereito propio o lugar que lles corresponde como xerme do respecto á natureza e dunha actividade turística sostible a nivel nacional e internacional tras ser convenientemente protexidas en beneficio das xeracións presentes e futuras”.

Artigos relacionados

Back to top button