Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O Campus de Ourense será o primeiro periférico de Galicia en especializarse

O novo edificio do Campus da Auga estará operativo no curso 2018-2019 e contará cunha inversión de 8 millóns de euros por parte da Xunta

O novo Campus da Auga estará operativo para o primeiro semestre do curso 2018-2019, así o anunciou hoxe, 18 de xullo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, tras visitar as obras do edificio que abranguerá, segundo dixo o Conselleiro, “o motor científico da cidade”. Rodríguez visitou devanditas obras canda o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, entre outras personalidades.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, sinalou a puxanza do Campus ourensán grazas a esta “gran aposta do Campus da Auga”, asegurando que este é “o primeiro campus periférico en especializarse en toda Galicia”.

Segundo dixo o responsable de Educación da Xunta, Román Rodríguez, esta actuación no Campus ourensán terá unha inversión de 4,4 millóns de euros por parte do seu departamento. E anunciou que, ademais desta obra, a Xunta e a UVigo teñen pendente outro convenio de colaboración para “o impulso eficiente das estruturas de investigación, dotado con 3,6 millóns de euros para distintas accións vencelladas á nova oferta educativa do Campus”, dixo referíndose á nova titulación de Enxeñaría Aeroespacial . E reiterou que con esta actuación o Campus de Ourense “será o centro de referencia na investigación da auga dentro de Galicia”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, subscribiu as palabras do seu sucesor como conselleiro de educación. Vázquez referiuse a este Campus da Auga como un proxecto “que é beneficioso para a cidade e tamén para a provincia”. O rexedor municipal pediu que esta colaboración entre a Xunta e a UVigo continúe “e que teñan presente a esta cidade como centro de investigación e emprendemento de empresas”.

Así, o novo edificio do Campus da Auga será destinado, primordialmente, a usos de investigación, aínda que tamén abranguerá a sede institucional. O proxecto está orientado en cinco liñas de actuación: educación, investigación, transferencia de tecnoloxía e coñecemento, internacionalización e financiamento sostible. Estas liñas estrutúranse en seis áreas de especialización, que son a alimentación, a xestión do recurso da auga, a innovación social e educativa, o medio, as tecnoloxías da información e a comunicación, así como o turismo e o patrimonio cultural.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button