
A Asociación de Música Alternativa de Valdeorras (AMAVA) decidiu suspender a celebración do Jam Fest 2020, un concerto colectivo que reúne anualmente no Barco a varios músicos e bandas locais. O presidente da asociación, Guillermo Coni, afirmou que “non se sentían en condicións de poder garantir o cumprimento das medidas sanitarias derivadas da pandemia do coronavirus”. “Por respecto á veciñanza do Barco consideramos que a mellor decisión é esperar ao ano que ven”, continuaba Coni.
O pequeno festival xunta cada verán a numerosas bandas da zona tales como Azor 91, Big Crunch! ou Reverend Goat. Os estilos varían dende o rock acústico ata o punk, o post-punk e o metal. Tras varios anos na praza Lauro Olmo o Jam Fest celebrou a súa edición de 2019 na explanada do skate-park do Barco.