CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Cantoras da Seitura actuarán no Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas, en Trives

A actuación terá lugar o 27 de decembro ás 18:30 horas e será retransmitida en directo a través da web da Deputación

Presentación do Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense na Pobra de Trives.

 

Este ano o tradicional Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense será na Pobra de Trives, o martes 27 de decembro ás 18:30 horas na igrexa parroquial e poderá seguirse tamén a través da páxina web da Deputación.

A presentación tiña lugar na mañá deste mércores 21 de decembro no Pazo Provincial, nun acto ao que acudían o vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez; e o director da Real Banda, Xosé Lois Foxo. Antes do remate do acto, tivo lugar unha actuación de María Jesús Rodríguez, Dina Pérez e Blandina González, Cantoras da Seitura das Terras de Trives

Na súa intervención, Rosendo Fernández destacou que este concerto “sempre suscita moitas expectativas, coa Real Banda de Gaitas como epicentro musical e patrimonial. Un concerto que sempre é mostra da dignificación dun instrumento senlleiro de Galicia como é a gaita, e que conxuga a beleza musical que ofrece a Real Banda e a beleza artística dun monumento emblemático como a igrexa da Pobra de Trives”. Para o vicepresidente da Deputación, “Trives vai ser un magnífico escenario porque xunta historia e tradición para unha actividade que esperamos ano tras ano”.

 

O bispo de Ourense, o vicepresidente da Deputación Ourense, a alcaldesa da Pobra de Trives, o director da Real Banda de Gaitas e as cantareiras das Terras de Trives.

 

Pola súa banda, o bispo de Ourense Leonardo Lemos destacou que o concerto é unha “fermosura de arte vencellado coa historia, cultura e tradición”. Tamén expuxo que “a Real Banda fai Ourensanía, sendo un proxecto universal desta cidade e da provincia que pon sempre un selo de galeguidade e cultura”. Finalmente, agradeceulle a Xosé Lois Foxo o seu traballo e pediu que “cada ano se faga máis presente nos templos da xeografía ourensá”.

A alcaldesa de Trives Patricia Domínguez comezou agradecendo á Deputación pola súa colaboración para este evento. A alcaldesa da Pobra de Trives sinalou que “para o concello é un orgullo acoller un concerto que recupera as nosas raíces e tradicións máis senlleiras, e onde participarán tamén as nosas veciñas -as Cantoras da Seitura- coas panxoliñas tradicionais de Trives”.

 

Dúas das cantareiras que actuarán no concerto de Nadal.

 

Xosé Lois Foxo, o director da Real Banda, explicou que para eles “é unha alegría seguir facendo o concerto despois de 37 anos, creando ilusión para estas épocas de Nadal e poñendo en valor os cánticos propios desta época”. Ademais, sinalou que a Real Banda “segue traballando para que o patrimonio que nos transmitiron os maiores siga vivo na historia, e para levar polo mundo a música galega ”.

O Concerto de Nadal estará presentado por Montse Estévez e contará coa colaboración de diferentes artistas como os cantantes Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, a violinista Tatiana Kostomarova, a Banda de Gaitas de Vilariño de Conso, o grupo Os Trintas de Trives e as Cantareiras da contorna. O concerto estará dividido en tres partes nas que irán intervindo cada un destes artistas.

Artigos relacionados

Back to top button