ConcellosÚltima horaVilamartín

Cantos de taberna, cultos, orquestras e fútbol para a esperada celebración do San Xurxo, en Vilamartín

O día grande será o 23 de abril coa tradicional procesión ás 13 horas

Procesión de San Xurxo en Vilamartín, antes da pandemia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras dous anos sen actos debido á situación sanitaria, Vilamartín de Valdeorras prepárase para celebrar por todo o alto as súas festas patronais na honra a San Xurxo. Serán, xunto coas da Encarnación en Sobradelo, as primeiras festas da tempada estival post pandemia polo que a expectación é máxima. Polo menos así o entenden dende o Concello e dende a comisión de festas que elaboraron un completo programa que se estenderá ao longo da fin de semana, do 22 ao 24 de abril, publicado nun cartel sobre un debuxo elaborado polos allumnos do CEIP Xosé Manuel Folla Respino.

Unha salva de bombas na mañá do venres 22 de abril anunciará o inicio das festas cunha sesión de Cantos de Taberna para animar os bares e as rúas da vila pola tardiña. Segundo o previsto, entre as sete e media e as once da noite aproximadamente, amenizarán o ambiente tres agrupacións: Os Palletas de Quiroga, Os Parrandas de Córgomo e Amanecer do Barco. Pasada xa a medianoite serán dúas bandas as que poñan son á festa: Clon Bois e Sexophones.

 

 

O sábado 23 de abril será o día grande das festas, o día de San Xurxo, e trala tirada de bombas e o pasarrúas coa charanga CLK ás 13 horas comezará a procesión coa súa imaxe pola rúas de Vilamartín (antes da misa). A charanga tamén amenizará a sesión vermú. Pola tarde, ás 18 horas haberá un partido de fútbol e en sesión de tarde e tamén verbena, será a orquestra Charleston quen convide aos asistentes a botar un baile na praza.

Así chegamos ao derradeiro día das festas, o domingo 24 de abril, cun programa moi parecido ao do día anterior que arrancará co pasarrúas coa charanga TdB de Trives. Ás 13 hora volverá haber procesión e misa solemne así como sesión vermú coa charanga trivesa. O broche á programación poñeráo a orquestra Florida Band que debutará nas festas de Vilamartín tocando en sesión de tarde longa sen verbena, a partir das 20:30 a 23 horas.

Artigos relacionados

Back to top button