OurenseÚltima hora

A capital rexistra unha tendencia á baixa nas infraccións penais nos últimos meses

Tamén se notou un incremento na tramitación de actas por posesión de drogas e nos detidos por intentar vulnerar a lei de estranxeiría

A Subdelegación do Goberno foi o lugar elixido pola Xunta Local de Seguridade de Ourense para celebrar a súa xuntanza. O encontro estivo co-presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad. Nesta reunión estiveron presentes os representantes dos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Policía Local e colectivos veciñais.

Segundo os datos expostos, en Ourense móstrase unha tendencia á baixa das infraccións penais nestes últimos meses do ano con respecto ás infraccións penais do mesmo período do ano pasado. Dende a Xunta Local de Seguridade resaltaron que houbo un descenso “máis que acusado” nos delitos que xeran maior alarma social, como son os roubos con violencia; roubos con forza en domicilios; delitos contra a liberdade sexual e as faltas.

Por outra banda, resaltan que a eficacia policía segue a medrar na solución de delitos, existindo menos denuncias e máis delitos. Tamén resaltan que hai un “descenso significativo” en delitos de roubo con violencia e roubo en interior de domicilios.

Os únicos apartados nos que a evolución da criminalidade foi negativa é en roubos en establecementos; roubos no interior dos vehículos e no eido da ciberdelincuencia; nos que se constatan “aumentos puntuais”, informan. Non obstante, os servizos de prevención da Comisaría melloraron “notablemente” a eficacia e en detencións “infraganti” e a identificación de responsables, nunha porcentaxe superior ao incremento delincuencial. Tamén se recalcou o descenso dos delitos de substracción de vehículos.

Outro dos puntos nos que se notou un incremento foi na tramitación de actas por posesión de drogas, así como nos delitos da lei de estranxeiría, levándose a cabo vario operativos para evitar fraudes na regularización en España pola vía de matrimonios fraudulentos ou fraudes á seguridade social.

En canto aos servizos humanitarios (auxilio a persoas maiores que viven solas, persoas eivadas e apoio ao 061), as Forzas e Corpos de Seguridade desenvolveron un total de 149.

No eido da educación, dende a Xunta de Seguridade remarcaron que houbo un aumento de demanda de información sobre acoso escolar e os perigos das redes sociais por parte dos centros educativos de Ourense. Todo isto englobado dentro do plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e a súa contorna. Neste senso recalcaron o “Plan do Tráfico Minorista de drogas no entorno escolar”, co que se axudou a “desactivar posibles puntos de venta de drogas” e propúxose o establecemento do “ciberexpert”, un curso formativo de 10 horas para navegar con seguridade por internet que se levará a cabo nos colexios que o soliciten.

O propio subdelegado do Goberno, Roberto Castro, amosou o seu agradecemento á Policía Nacional e a Policía Local de Ourense “polos esforzos de coordinación entre ambos os dous corpos”. Castro salientou que esta ligazón entre corpos “aporta eficacia ao seu traballo, o que redunda en beneficio da cidadanía”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, agradeceu o traballo desenvolto na cidade polos Corpos e Forzas de Seguridade, cunha óptima coordinación “que reverte na seguridade de e no benestar de todos”. O rexedor municipal adiantou que en materia de seguridade cidadá, neste Nadal, porase en marcha un dispositivo especial da Policía Local, no que se establecerán diversos controis en materia de comercio, locais de ocio e venta ambulante nas rúas, así como de vixilancia de delitos (carteiristas, estafas), de controis de tráfico e actos vandálicos. Precisamente neste aspecto, o alcalde lembrou que “estamos ante unha lacra que entre todos debemos reducir, controlar e erradicar, xa que os destrozos no ben común repercute en toda a cidade”.

Artigos relacionados

Back to top button