EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Capturan dez exemplares de velutina nun colmear de Vilamartín

Esta especie invasora afecta á produción apícola, pois unha parte importante da súa dieta está formada por abellas, pero o risco que supón para as persoas é similar ao calquera outra avespa

 

Ata o de agora apenas se tiña coñecemento da presenza de vespa velutina, tamén coñecida como avespa asiática en Valdeorras. Pero xa chegou a comarca e máis en concreto ao municipio de Vilamartín. Nun colmear deste concello capturáronse dez exemplares de velutina en catro días. Descoñécese a súa orixe, é dicir, se existe un ou non un niño delas ou ben se son exemplares illados que chegaron en troncos ou doutro xeito ata a comarca.

Hai que ter en conta que nesta época do ano é cando as futuras raíñas fecundadas abandonan o niño, no inverno hibernan e é partires de febreiro-marzo cando esas raíñas inician os novos niños, denominados primarios. No caso da zona costeira de Galicia as suaves temperturas permiten que estes insectos sobrevivan na hibernación, o que non se sabe é se iso mesmo sucederá en zonas como Valdeorras, coas baixas temperaturas que se acadan nesta comarca. Iso influiría de maneira importante na súa expansión.

 

 

Hai uns meses tamén se tiña noticia da localización dun exemplar no concello de Rubiá, sábese da súa presenza na veciña comarca de Quiroga e hai algún caso máis dalgún exemplar en Valdeorras.

A avespa asiática é unha especie invasora que chegou a Burdeos (Francia) no 2004 nun cargueiro procedente de China. Do territorio francés pasou ao País Vasco no 2010, no 2011 a Galicia e no 2013 a Cataluña e no 2015 ás Illas Baleares. Afecta á produción apícola pois unha parte importante da súa dieta está formada por abellas. A abella europea (apis mellifera) non desenvolveu estratexias de defensa contra os ataques masivos da velutina e a sua rápida extension ten causado importantes perdas na apicultura se ben aínda están sen avaliar.

Para os humanos o risco que supón esta avespa é o mesmo que calquera outra, é dicir, non son máis perigosas que as avespas autóctonas e só atacan cando se ven ameazadas, por exemplo, nas proximidades do seu niño, por iso é importante manterse a máis de 5 m de distancia del, segundo as recomendacións feitas públicas pola Xunta de Galicia.

No caso de atopar un niño de velutina, ademais de manterse lonxe del, é importante chamar ao 012 ou ao 112.

 

Imaxe dun niño de velutina que se amosaba durante unha xornada sobre este tema celebrada hai uns meses en Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button