O Entroido volvía ás rúas de Pombriego (León) nesta pasada fin de semana. Os personaxes máis representantivos desta tradición en dous grupos (os Feos e os Guapos) facían unha ronda pola aldea na tarde do Sábado de Entroido, na que tampouco faltaban as gadañas, a chifla e o tamboril. E corría a fariña.
A veciñanza asomábase as fiestras e aos corredores a aplaudir, algo que resultaba moi emocionante para os participantes na comitiva, que despois, se reunían nunha corte e compartían cea e “filandón”, con sopas de allo, viño con mel, cunha sobremesa especial de comedias e versos. “Por ser o Domingo Gordo/ fecha muy aseñalada/ que nos juntamos el pueblo/ por cosa de armar jarana“.
A festa continuaba na xornada do Domingo de Entroido, que comezaba coa preparación de doces típicos destas datas como flores, tostas e roscóns, ademais de chocolate, pensando xa na organización da merenda.
Despois os veciños comezaban a “revestirse” e formábase dunha comitiva dunhas 40 persoas que, enmascaradas ou cos traxes dos Guapos percorrían novamente Pombriego, mentres soaba unha gaita e o característico toque das gadañas. O cortexo ía deténdose nas portas dos veciños, que cando saían eran agasallados co baile das Madamas, que se marcaban xotas ou muiñeiras. E despedían aos membros da comitiva agradecidos e coa mensaxe “de hoxe nun ano!”.
Tampouco faltaba a arada, unha representación carnavalesca que tamén se caracteriza por ir botando cernada (cinsa) a todo aquel con que se atopan.
A ronda remataba cunha moi boa sensación, así como cunha merenda con chocolate, doces e, por suposto, son de pandereita e bailes ata a “oscurecida”.
Imaxes cedidas pola Asociación Aires del Cabrera.