En portadaEntrevistasÚltima hora

Carlos Rey Quiroga: “O meu soño era ser piloto e agora véxoo cumprido”

Este piloto comercial, natural da Rúa, comezaba a exercer a profesión no 2019, tendo a súa base en Atenas (Grecia). Actualmente está en Nantes (Francia) e fai rutas por diferentes partes de Europa

O rues Carlos Rey aos mandos do primeiro avión que fixo voar no 2019, un Boing 717./ Cedida.

 

Traballa nunha “oficina” móbil, na que cada día é completamente diferente ao anterior. “Ser piloto é algo que non se pode explicar, hai que vivilo, nesta profesión o que engancha é o día a día”, conta o rues Carlos Rey Quiroga, que no 2019 comezaba a exercer como piloto comercial. Dende meniño tiña claro que o seu era voar. “Sempre me gustaron os avións, víaos pasar por riba de casa e, como a todo neno, chamábanme a atención. Despois, a miña irmá fíxose enxeñeira aeronáutica e iso foi o que me impulsou cando medrei. Con 18 anos díxenlle aos meus pais que quería ser piloto. Daquela non existía a carreira, senón que directamente tiñas que ir a unha escola privada ou ben tirar pola vía militar, que implica un proceso moi longo e moitos anos. Grazas ao esforzo dos meus, eu puiden estudar nunha escola, en European Flyers en Madrid”, lembra.

Tras rematar os estudos, continuaba a súa formación en voo nos Estados Unidos, despois viviu un tempo en Liverpool para mellorar o seu inglés e no 2018 decidía facerse instrutor de voo. “Foi rematar o curso e chamáronme de tres escolas (unha de Barcelona, unha de Portugal e outra inglesa) e dunha compañía, na que traballo dende entón”, explica. Tivo súa primeira base en Atenas (Grecia), onde voaba nun Boing 717, e este ano, no que a súa compañía cambiaba de avión e pasábase ao Airbus 320, trasladábano á base de Nantes (Francia), “é a nosa base máis grande, aí estamos 70 pilotos e 300 azafatos/as”.

Ser piloto, ¿é como imaxinaba?

Bueno, hai que estar estudando constantemente, día a día, e temos adestramentos cada seis meses, chequeos que nos fai a propia compañía para ver como voas, os teus coñecementos, o que nós chamamos memory items, cuestións que necesitas saber en caso dalgún fallo. Cada seis meses temos cursos de refresco no simulador, nos que o normal é que apareza o fallo de motores en despegue, en aterraxe ou en ambas partes, non sabes en que momento se vai producir, e aí tes que ver a túa capacidade de reacción, como actuarías na vida real. En cada sesión estannos poñendo a proba.

¿Cales son as funcións ou responsabilidades dun piloto?

Comezan coa preparación do voo, é dicir, o comandante e o copiloto (first officer), os dous que estamos na cabina, imos unha hora antes de cada voo para preparar todo: dende os contrasinais ao plan de voo, quen vai voar, o combustible necesario, o número de pasaxeiros que levamos, o tempo de repostaxe, a meteoroloxía, se temos turbulencias… Tratamos de telo todo previsto.

Despois xuntámonos nun briefing co resto da tripulación, coa que debemos ter unha constante comunicación. Cando chegamos ao avión, no primeiro voo do día da tripulación prepárase absolutamente todo. Se eu non vou voar o avión, entón vou comprobar como está o seu exterior, peza a peza, parte por parte para ver se falta algo, como están as rodas, as bombillas, as luces, se está todo engraxado, se hai algunha deformidade na estrutura… sempre sempre se comproba todo.

Logo, comandante e copiloto conxuntamente comezamos a preparar a cabina de arriba a abaixo, estamos entre 30 e 40 minutos tocando todo. No primeiro voo facemos unha preparación exhaustiva. Nos outros xa é máis rutinaria porque vés de voar e vén todo listo. E, cando chegamos a destino, apagamos e deixamos enerxizado o avión para as persoas de mantemento, porque cada día hai que facer chequeos.

 

O piloto rues Carlos Rey Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Un copiloto pode voar o avión?

O piloto do voo ou pilot flying pode ser o comandante, que se senta á esquerda e é unha persoa moi experimentada con milleiros de horas de voo, ou o copiloto, que vai á dereita. Iso decidímolo entre nós. En realidade ao final voamos os dous, un monitoriza e o outro está voando o avión.

¿Como lembra o seu primeiro voo?

Foi do sur ao norte de Italia. Lembro que, antes de pechar a porta e despegar, asomeime e pensei: vou erguer este avión de 48 toneladas con 125 pasaxeiros nas miñas costas, non o creo. Pechamos a porta, despegou o avión e logo aterramos e, volvín pensar, é que son 125 persoas máis as súas familias, teño unha responsabilidade enorme. Era algo que non pensara ata o momento no que o estaba vivindo. Do que tamén me acordarei sempre é do meu segundo voo, de Nápoles a Xénova, pasoume de todo.

Estaba preparando a cabina cando veu un policía que, tras amosarme a súa identificación, preguntoume se podía levar pistola ou non porque trasladaban a un preso da camorra napolitana. Eu quedeime sorprendido e contesteille que falara co comandante. Entón, vin a tres policías e a un home encapuchado, coas mans atrás, ao fondo do avión… E, de volta, tivemos tormentas e pegounos un raio. Algo que a xente non sabe é que se nun avión pega un raio non sucede nada porque nas puntas das as hai unhas antenas con descargas de estática que directamente soltan os raios.

Texto: A.R.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de decembro do Periódico O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button